O venres 30 de novembro o auditorio Manuel Costa Casares de Agolada acollerá a cuarta edición da xornada técnica “A mellora no Manexo do Gando Bovino de Leite e Carne”, organizada pola asociación O Parapeto en colaboración co Concello de Agolada e Africor Pontevedra.
O programa inclúe unha charla sobre a importancia do benestar da recría a cargo de David Otero (Nanta), outra sobre como traballar co vacún leiteiro sen usar antibióticos que dará José Taboada (Allfeed) e unha explicación dos resultados e novidades do programa xenómico por parte José Antonio Jiménez (Conafe).
CONCURSO DE DEBUXOS
Un ano máis, e co obxectivo de achegar aos máis novos ao mundo agrogandeiro, as ilustracións que acompañan ao programa do acto son obra dos alumnos do CEIP de Agolada. Neste caso, os autores dos debuxos gañadores foron Sabela Méndez Diéguez, Óscar Branco Enríquez e Jesús Río Vilariño.