Xornada en Arzúa sobre a redución de fitosanitarios no cultivo de millo a través da escarda mecánica

Xornada en Arzúa sobre a redución de fitosanitarios no cultivo de millo a través da escarda mecánica

Este xoves 17 de xullo celebrarase na parroquia de Oíns, en Arzúa (A Coruña), unha xornada centrada na redución de fitosanitarios no cultivo de millo mediante escarda mecánica. A actividade está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.

A xornada, organizada pola Xunta de Galicia, arrancará ás 10:30 horas coa inauguración oficial. Posteriormente, presentarase o ensaiado nos últimos anos, facendo fincapé na preparación do terreo coma clave do éxito, problemas xurdidos e solucións implementadas. Seguidamente, amosaranse os equipos e, a continuación, haberá demostracións prácticas da aixada rotativa arrastrada, da binadora e da gradilla de púas. O encontro rematará ao redor das 14:30 horas, logo da posta en común de impresións entre os asistentes.

A política agraria europea leva anos establecendo unha liña de produción sostible e respectuosa co medio ambiente. Con esta acción, preténdese realizar unha demostración coa maquinaria específica para reducir ou evitar o emprego de fitosanitarios no cultivo do millo, aínda que se podería extrapolar a outros cultivos.