Hoxe martes 22 de xaneiro entra en vigor o Real Decreto 1181/2018 relativo á indicación da orixe do leite utilizado como ingrediente na etiquetaxe do leite e os produtos lácteos. Todos os produtos lácteos que se envasen a partir desta data con leite que fose muxida e envasada en España terán que especificar con claridade Orixe: España.
Con esta medida, a etiquetaxe do leite e os produtos lácteos elaborados en España deberán identificar o país de ordeño e o país de transformación do leite utilizado como materia prima. Cando o país de ordeño e/ou de transformación sexa exclusivamente España, sempre deberá indicarse España e non se poderá substituír pola expresión UE. Con todo, cando o leite non sexa exclusivamente español, terá que indicarse o país de muxido e o país de transformación, seguidos do nome dos Estados Membros (EEMM), ou UE, fóra da UE, UE e fóra da UE. Desta forma, a etiqueta destes produtos distinguirá claramente o leite muxido e transformado en España.
Segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, os consumidores queren coñecer a orixe dos alimentos que adquiren, o 88 % dos consumidores españois, un 4 % máis que os europeos, estiman necesaria a identificación da orixe do leite como produto e como ingrediente doutros produtos lácteos e o 86 % dos distribuidores na súa maioría consideran que o identificativo da orixe española aumentaría as súas vendas de leite.
Esta normativa estará en vigor durante un período de dous anos, pero espérase que, pasado este prazo e con base nos resultados obtidos, se implemente definitivamente e mesmo se avance nalgúns aspectos para dotar ao consumidor de información máis clara e precisa.