Gregorio Salcedo publica unha nova investigación na prestixiosa revista científica Agricultural Systems

O profesor do CIFP A Granxa e colaborador habitual da revista Vaca Pinta, Gregorio Salcedo, deu un paso importante na súa traxectoria investigadora coa publicación do proxecto titulado “Sustainable intensification of dairy farms in temperate Atlantic climate: effects on productive, nutritional and environmental aspects” na recoñecida revista científica Agricultural Systems. Este arigo, que se recolle no número de xaneiro de 2025 da publicación, supón un importante recoñecemento internacional ao seu labor en favor da sostibilidade no sector do gando vacún.

Desenvolvida xunto a Daniel Salcedo Rodríguez e Athanasia Varsaki, a investigación aborda a intensificación sostible de explotacións leiteiras en climas templados atlánticos e pon o foco en mellorar a rendibilidade das granxas mentres se minimizan os impactos ambientais. A investigación, baseada en simulacións de sistemas de manexo agrícola e gandeiro, analiza como a sucesión de cultivos forraxeiros e a redución do concentrado na dieta das vacas pode aumentar a eficiencia, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorar a sostibilidade económica das explotacións.

Entre os principais achados deste traballo, destacan:

  • Melloras na rendibilidade e sostibilidade ambiental. A intensificación sostible pode reducir as perdas de nitróxeno e as emisións de carbono, mentres aumenta a eficiencia no uso dos recursos.
  • Uso eficiente de cultivos forraxeiros. Substituír pastos por cultivos de inverno, como o millo seguido de trébol, permite mellorar a produción de forraxes, reducir as importacións de alimento e manter os niveis de produción de leite.
  • Redución do concentrado. A substitución parcial (ata un 15 %) do concentrado por forraxes producidos na propia granxa non compromete o rendemento leiteiro e mellora a sostibilidade económica.

O traballo utiliza o modelo DairyCant para simular diversos escenarios de manexo, con resultados que suxiren que estas estratexias non só melloran a eficiencia produtiva, senón que tamén reducen o impacto ambiental das explotacións. Segundo os autores, implementar estas prácticas a gran escala requirirá un enfoque integral que teña en conta tanto a formación dos gandeiros como o apoio de políticas públicas específicas.

A publicación desta investigación en Agricultural Systems subliña o impacto do traballo de Salcedo ao longo da súa traxectoria profesional no ámbito da sostibilidade gandeira. Este logro posiciona o seu traballo como referencia internacional, ao tempo que reforza o seu compromiso coa innovación e o avance cara a sistemas máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.