Xea o sangue a retransmisión de todas as atrocidades que se cometeron, e a traxedia non rematou. A ocupación e a impunidade persisten e, mentres continúen os asasinatos, os desprazamentos forzosos e a destrución sistemática dos seus territorios, será difícil falar de paz. Un alto o fogo non detén a fame, nin reconstrúe cidades nin devolve os mortos.
Como poderiamos falar de paz en cuestión de días, despois de anos vendo acotío nos informativos as imaxes de nenos mutilados e/ou completamente desnutridos, apenas a sombra do que deberían ter sido? Que paz é a que nos queren vender tras tantísimas novas de desaloxos de hospitais cheos de enfermos, aos que ameazaran con bombardear? Como celebrar a paz sen clamar antes por todos os civís aos que se lles arrebatou a vida, e polos voluntarios, sanitarios e reporteiros asasinados, heroes que miraron o medo de fronte e seguiron exercendo o seu labor ata o último alento? Que paz debería haber para os malvados, para quen non dubidou en disparar contra un pobo morto de fame que saía á rúa na procura de algo que levar á boca?
Fronte a representantes políticos nacionais e internacionais que continúan utilizando este conflito como arma partidista e fronte a medios que tratan esta traxedia con superficialidade, queremos deixar clara a nosa postura, libre e independente: o que acontece en Palestina é un xenocidio premeditado por parte do Goberno israelí e dos seus socios. Ningún autoproclamado dereito histórico nin ningunha suposta loita contra o terrorismo poden xustificar a masacre constante e indiscriminada da poboación civil.
Os nosos fillos e netos preguntarán que se fixo ao respecto, por que se tardou tanto en reaccionar, e non haberá resposta que non nos provoque un mínimo de vergoña. Entón, só verán algo de esperanza cando lles falemos do que si se fixo ben: dos voluntarios que se uniron á Global Sumud Flotilla para poñer no punto de mira a necesidade imperiosa de romper o bloqueo á axuda humanitaria, dos centos de miles de persoas que tomaron as rúas en cidades de todo o mundo de maneira continuada para protestar contra a barbarie, dos servidores públicos que si escoitaron aos seus cidadáns e usaron a súa posición para axudar e do boicot contra fondos israelís que manchan festivais, encontros deportivos e marcas habituais nas nosas casas. Explicarémoslles que este conflito se xestou durante décadas e que mesmo houbo que reinterpretar a bandeira palestina en forma de sandía para poder manifestarse libremente en rexións conservadoras.
Queremos pensar que cada unha desas accións axudou a marcar a diferenza, que cada xesto conta, que non todo depende dos ditados arbitrarios das superpotencias. Por iso, se acaso nós, desde esta revista, temos o máis ínfimo poder para axudar, non pensamos desaproveitalo, non podemos nin debemos seguir calando. Se con estas liñas conseguimos xerar conciencia nunha soa persoa, xa será unha vitoria. Se a proactividade do pobo logra atallar o conflito unha semana antes, un día antes ou unha mísera hora antes, antes rematará a vexación de tantas vidas inocentes que, mentres se escriben estas palabras, parecen estar condenadas a perecer prematuramente, se non polas bombas ou as balas, si pola fame, a enfermidade ou a miseria que deixaron ao seu paso os invasores.
Se chegaches ata aquí, grazas polo teu tempo. Sabemos que este non é o contido que se agarda dunha cabeceira técnica. Se escribimos este editorial, foi pola máis pura compaixón e porque, se ben o noso traballo central está xunto ao vacún de leite, o noso principio vertebrador está coa xustiza, a verdade e a dignidade, valores que transcenden este sector e que deberían ser inherentes a todos nós.
A tortura continuada á que se someteu este pobo non nos deixou indiferentes e non poderiamos deixar pasar a oportunidade de pedirvos que sumedes as vosas voces ao clamor popular para pedir xustiza, a única paz real que poderá ter algún día Palestina.