O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación abriu este martes o trámite de audiencia pública da modificación do Real Decreto 1048/2022, do 27 de decembro, que elimina as penalizacións por presentacións fóra de prazo da solicitude da Política Agraria Común (PAC) para este ano no período comprendido entre o 15 e o 31 de maio.
Esta modificación permite que os agricultores e gandeiros de toda España poidan presentar a súa solicitude única de axudas do ano 2025 ata o 31 de maio.
O ministro Luis Planas anunciou o cambio, co fin de garantir que todos os agricultores e gandeiros poidan tramitar a súa solicitude.
Dende o ministerio trasladan que o ritmo de presentación foi máis lento do habitual por diversas razóns manifestadas polas comunidades autónomas e entidades colaboradoras, incluídas as organizacións profesionais agrarias e cooperativas agroalimentarias.