The 1975, Neil Young e Olivia Rodrigo actuaron hai uns meses nos mesmos terreos nos que agora se preparan pastos para alimentar ao redor dun milleiro de vacas. Este verán, Rozalén, Rigoberta Bandini e Tanxugueiras subiron a un escenario instalado nunha finca na que, na primavera, se realizará unha nova campaña do ensilado de herba. Os lusos Mariza, Bárbara Tinoco e Nininho Vaz Maia ofreceron os seus concertos no mesmo recinto no que se xulgaron as mellores vacas da raza holstein frisia de Portugal.
Os festivais de música asentáronse coma unha das opcións de lecer máis demandadas tanto para os melómanos coma para un público máis xeral. Centos de marcas amosan o seu potencial neste tipo de eventos multitudinarios, a maioría en grandes áreas metropolitanas, aínda que tamén proliferan numerosas iniciativas en lugares menos habitados.
Polo xeral, son impulsados por empresas especializadas no sector, pero tamén moitas asociacións sen ánimo de lucro dedican grandes esforzos á organización das súas celebracións. O sector gandeiro non é alleo a esta tendencia. Existen numerosas propostas que se desenvolven nun ambiente rural e, dentro delas, moitos eventos musicais gardan unha relación moi estreita coas vacas.
GLASTONBURY, REFERENTE EN GANDERÍA E MÚSICA
Porén, esta vinculación tampouco é recente. O mellor exemplo témolo no Glastonbury, un festival nacido na década de 1970 na contorna da gandería Worthy Farm, en Pilton, no condado de Somerset, ao sueste de Inglaterra.
Despois de máis de cincuenta edicións, é todo un acontecemento no país anglosaxón e está considerado un dos festivais máis relevantes no panorama internacional. O gandeiro Michael Eavis foi o seu promotor. Tras asistir a un concerto de Led Zeppelin, Eavis decidiu organizar un festival na súa granxa, baixo o nome de Pilton Pop, Blues & Eavis. A primeira entrada custou unha libra e os asistentes recibiron leite de balde. A banda T. Rex foi a cabeza de cartel daquela edición inaugural.
Esta cita foi evolucionando co tempo e converteuse nun encontro de gran tendencia, con críticas pola súa masificación, mentres mantén o seu carácter reivindicativo. A filla de Michael Eavis, Carla, está á fronte da dirección do festival, que continúa organizándose nas praderías de Worthy Farm, unha granxa na que se moxen preto de cincocentas vacas.
A zona sofre unha gran transformación ao inicio de cada verán. Tras realizar o ensilado da herba, moitas das fincas se destinan a acoller un festival que reúne máis de 130.000 persoas. Ademais da música, outras artes, como o teatro, tamén teñen o seu protagonismo. Instálanse case cen escenarios polos que pasaron en 2025 uns catro mil artistas. Estímase que a superficie ocupada polo evento supera as 600 hectáreas.
Un festival "a barbeito" cada cinco anos
En Glastonbury non hai evento todos os anos. De lustro en lustro o festival realiza un parón para preservar os terreos nos que se desenvolve. Neste caso o barbeito é ao revés, déixase a terra baleira de xente e de montaxes, e dáselle prioridade ao coidado do campo e ao crecemento da herba. Tras a pausa obrigada pola pandemia, en 2026 non haberá festival, polo que a seguinte edición terá lugar en 2027.
FESTIVAL DE LA LUZ, SOLIDARIEDADE ENTRE MILLEIRAIS E PRADEIRAS
A menor escala, unha situación parecida a Glastonbury repítese, dende hai máis dunha década, en Galicia, no Festival de la Luz. Esta iniciativa, creada pola recoñecida artista Luz Casal no lugar das súas raíces, na parroquia coruñesa de Andavao (Boimorto), contou dende o principio co apoio de varios gandeiros da zona. A cita está asentada no calendario festivaleiro galego e fomenta o coidado e a valorización da súa área de proximidade.
A superficie na que transcorre o festival pertence a varios propietarios, entre eles á propia Luz Casal. “Vendémoslle esta propiedade a Luz (casa e finca), xa que era orixinaria da súa nai. Na negociación tratouse a realización dun pequeno festival coa participación do Concello de Boimorto. Tardamos uns anos en levalo a cabo porque nese tempo Luz enfermou. A posteriori, retomamos a idea e saíu adiante a primeira edición”, relata Luis Seoane, gandeiro de Ugasma e expresidente de Conafe e Fefriga.
Seoane indica que “todos os veciños participaron dende o primeiro día. Viámolo como unha oportunidade, ao ter unha persoa de tal renome nacida aquí. A idea primoxénita era puntual: organizar un evento para a parroquia e os achegados do concello. Porén, como o espazo era tan fermoso, a xente axudaba e o éxito de público foi total, decidimos continuar”.
A pesar de que a zona é un dos grandes atractivos do evento, cómpre destacar que se trata dun evento solidario dende os seus inicios. Os artistas colaboran para que a organización lle doe unha cantidade importante de diñeiro a algunha asociación benéfica. En 2025, a entrega estivo dirixida á Federación de Sociedades Musicais da Comunidade Valenciana para axudar ás entidades afectadas polas inundacións da DANA. “O que se achega sempre é máis do que había; por iso, os veciños estamos máis implicados que se vísemos que fose un festival puramente comercial”, subliña Laura Seoane, da gandería Ugasma e filla de Luis.
CONCERTOS CON MILLO ESPIGADO
A primeira edición celebrouse na segunda quincena de setembro. Posteriormente, foi variando de semanas e en 2025 programouse para a última fin de semana de agosto. O que non se altera é a presenza do millo, planta que ofrece un toque especial, xa que nesas datas amosa o seu máximo esplendor.
“O uso do millo foi unha grande idea dende o principio. É unha forma de pechar o recinto con valados, sen que se vexan, porque quedan no medio dos talos e das follas. Proxéctase unha imaxe agraria que queremos que teña; preténdese que a xente vexa e se identifique con algo tan característico da Galicia gandeira como é o millo forraxeiro”, explica Laura.
Ao redor de 50 hectáreas de terreo destínanse como superficie para o evento, entre as zonas centrais, aparcadoiros, área de caravanas e zona de acampada. Os gandeiros deixan libres as súas propiedades nestas semanas. “A xestión é clave. Sementamos noutras terras o millo e estas deixámolas como praderías permanentes ou orientámolas a un cultivo de inverno”, explica Luis.
O Concello de Boimorto tamén se implica de cheo na organización. Unha das súas tarefas previas á montaxe consiste en regar o millo, para que se manteña verde nas datas importantes. “Colaboramos co festival por ser o pobo nativo de Luz Casal, a quen estamos moi agradecidos. Promóvese a cultura no medio rural, programan actuacións para todos os públicos e é superfamiliar”, remarca Chus Novo, alcaldesa de Boimorto.
A pesar do crecemento que experimentou o festival, “nós seguimos apoiándoo. Se dende a organización precisan algo, aparecen nas nosas casas para pedírnolo, xa sexa unha máquina para traballar, pacas para ambientar ou calquera outro material. Achegamos todo o que podemos”, amósase orgulloso Luis. Ademais, conta como “aquí gozan dende un neno, pasando por un mozo e ata unha persoa maior. Está adaptado para as persoas que teñen dificultade de mobilidade e todo o mundo goza del”.
ANDAVAO NO MAPA
Laura, de Ugasma, e Xesús Seoane, da Gandería Taboada, póñenlle nome á escasa remuda xeracional nas granxas da zona. “Tiña 12 anos cando comezou o festival e lembro que foi un boom, unha alegría para todos que promovesen unha iniciativa así na nosa parroquia. Lembro estar muxindo e escoitar a música dalgúns artistas que escoito no meu tempo libre”, conta Xesús.
“Cando meu pai o contou, parecíanos que isto non ía ser o que foi, pero tivo unha grande acollida. A xente maior está expectante toda a semana dende que comeza a verse movemento fóra do habitual. As poucas persoas novas que estamos na parroquia aproveitámolo tamén e é un acontecemento moi sinalado”, acredita Laura.
Os veciños de Andavao colaboran e únense ao público do festival, ao que moitos deles acoden cando finalizan as tarefas nas granxas. Os nosos protagonistas coinciden en valorar positivamente o evento porque “moitos asistentes da aldea xa coñecen a nosa maneira de traballar, pero tamén acode moito público que procede das cidades, incluso con nenos. Para eles creo que é moi positivo ver como funciona a gandería e coñecer o proceso que hai detrás dun brick de leite”, apunta Xesús.
“A esta parroquia e ao noso concello dáselle moita visibilidade. No rural hai que traballar e aquí facémolo con orgullo. A xente regresa a Boimorto noutras partes do ano e sabe o ben que se vive aquí”, engade Chus.
O Festival de la Luz aproxímase nas últimas edicións ás 20.000 persoas. Laura Seoane pon de manifesto o bo ambiente que se xera. “Non tivemos ningún problema, nin nas ganderías, nin nas fincas. Non se ve lixo tirado, hai un comportamento moi cívico. Non obstante, na zona sempre quedan restos. Temos que agradecerlles aos empregados do Concello, que son os que realizan esa tarefa de recollida”.
En canto ao futuro, Xesús teno claro: “A min encantaríame que continuase. Si é certo que parece que o festival cada ano se expande un pouco máis e igual nos vemos limitados pola superficie, pero se continúa así, sen problema”. Laura tamén o asume como algo propio: “Estando o meu pai nos inicios, quero que isto non se perda, por iso todos axudamos”.
Con que intención comezou o Festival de la Luz?
Empezou como un proxecto máis pequeno, cun fin solidario, para darlles visibilidade ás iniciativas innovadoras que se realizan no rural e coa idea de achegar a cultura e os grandes concertos a zonas onde non se programan este tipo de artistas. Da man de Luz e da promotora, o primeiro festival contou cunhas catro mil persoas. O crecemento foi exponencial, aínda que dentro da nosa política o obxectivo non é que sexa explosivo. Intentamos medrar pouco a pouco.
A pesar da evolución, que esencia se mantén dende o principio?
O respecto polo espazo no que nos atopamos, o espírito solidario, o ambiente familiar, a aposta por bandas para todo tipo de públicos e unha oferta gastronómica de calidade e de proximidade. Son aspectos que non adoitan darse en eventos de medio formato coma este. Agora xa existen moitas iniciativas orientadas ao uso de materiais sostibles e á implementación de medidas para a redución da pegada de carbono. Nós, dende o principio, apostamos pola diminución de plásticos.
Como se implica a xente da parroquia?
A colaboración é total tanto de gandeiros como doutros veciños. É máis, a súa implicación é imprescindible para poder levar a cabo o festival na zona na que estamos. Aquí a despregadura é moito maior que nun evento que se realice en calquera cidade porque non temos instalacións eléctricas nin auga. Ademais da cesión de fincas, a axuda dos gandeiros vai desde prestarnos as súas alpacas, que xa son un dos símbolos do festival, ata arrastrar camións de artistas cos seus tractores, regar coas cubas de auga etc. Xa somos un equipo.
Que percepción ten o público sobre o festival?
Tras catorce anos, creo que ninguén se imaxina isto como é realmente, por moito que eu lles amose fotos e vídeos. A ambientación que crean o peche de millo e a integración dos materiais impide facerse unha idea do que se vive aquí.
Que protagonismo teñen os produtos de proximidade?
Un dos obxectivos de base era darlles visibilidade ás propostas e ás empresas próximas que proceden do rural. Iso segue a ser unha das nosas premisas. Intentamos coidar moito o produto para que todo teña coherencia e vaia en torno á idea do festival. Por exemplo, contamos con Casa Grande de Xanceda, un negocio próximo que ofrece lácteos ecolóxicos.
É un festival tamén para nenos. Existen propostas destinadas a que coñezan mellor o mundo rural?
Intentamos que teñan actividades lúdicas coma o circuíto de tractores, pero tamén de formación, sobre o coidado medioambiental ou o sector primario, que quizais non dominan tanto.
Ata que punto chega a implicación de Luz Casal no evento?
É total. Para comezar, o festival celébrase ao redor da súa casa, que está dentro do propio recinto. Internamente non somos un equipo tan grande como adoita haber para un espectáculo deste tipo, pero compartimos todo. Ela supervisa dende a parte artística ata a ambientación e as propostas gastronómicas que participan. Somos un equipo e ela é unha máis.
AGROSEMANA, A GANDERÍA SOBE AO ESCENARIO
Un ano despois de nacer o Festival de la Luz en Galicia, no norte de Portugal organizaron a Agrosemana, Feira Agrícola do Norte. A primeira edición tratouse dun evento pechado aos profesionais do sector, cooperativas asociadas e produtores de leite. Con todo, en 2014 o Espaço Agros, situado na Póvoa de Varzim, distrito do Porto, abriuse ao público en xeral e encheuse de actividades para dar a coñecer o estilo de vida do campo.
“A iniciativa da dirección de Agros naceu co obxectivo de promover o mundo rural e a actividade agropecuaria, ademais de mostrar sen dogmas aquilo que facemos ben, que é producir alimentos seguros e saudables para todos”, argumenta Idalino Leão, presidente de Agros.
Este evento medrou de xeito exponencial na última década e recibe cada ano unhas 90.000 persoas ao longo de catro días. Desenvólvese entre o ambiente rural e urbano, pero nunha zona que “é a máis produtora de millo en Portugal”, informa Idalino. Ademais, trátase dunha cita socialmente responsable, xa que se realizan diversas accións que reverten a favor de institucións de carácter social.
Na última edición destinouse unha doazón á Fundación Infantil Ronald McDonald, que lles presta apoio aos nenos hospitalizados no Hospital São João. “Non nos esquecemos de que formamos parte da economía social e sempre colaboramos con varias asociacións ao longo do ano e na feira”, pon de manifesto o presidente.
Agrosemana distribúese en dous bloques; por unha banda, un máis técnico, especialmente dirixido a gandeiros e agricultores; por outra, unha parte máis lúdica, centrada na gastronomía e nos concertos. “É unha forma de chamar ás familias para que convivan e perciban que o gandeiro non é o vilán, é o primeiro ambientalista e o xardineiro desta paisaxe”.
A música ten o seu protagonismo cos concertos programados nas últimas horas de cada xornada. Recoñecidos artistas portugueses actúan ante milleiros de persoas, como ocorreu na última edición con Mariza, Bárbara Tinoco ou Nininho Vaz Maia. Entre os músicos que pasaron algunha vez polo escenario de Agros tamén se atopa o popular Quim Barreiros.
A COMUNICACIÓN, CLAVE PARA DARLLE VALOR AO SECTOR
“En toda Europa existe un distanciamento entre as sociedades máis urbanas e as que habitan no rural. É a nosa función comunicar mellor. Creo que esa distancia comeza a reducirse e é bo que todos se acorden, por exemplo, de que na época da covid foi posible pedirlles aos consumidores que permanecesen pechados nas súas casas porque precisamente toda unha industria agroalimentaria, dende o campo ata a distribución, estaba a traballar para prover alimentos”, lembra Idalino.
O presidente de Agros ten claro os pasos a seguir para gañar máis presenza: “Temos que rodearnos de xente que saiba comunicar aquilo que queremos explicar. Pero ademais, debemos asociarnos a outro tipo de profesións que son clave”. Por exemplo, na Agrosemana rodeámonos de deportistas para enviar a mensaxe de que o leite é bo para a actividade deportiva”. En 2025, o Rio Ave e o Gil Vicente, equipos de fútbol da primeira división portuguesa, acudiron a brindar con leite, ademais da participación do piragüista Messias Baptista, campión do mundo e de Europa na distancia K4 500 m.
“A agricultura é turismo, economía, gastronomía e ambiente. Somos fundamentais para a cohesión do territorio; é importante que os políticos perciban iso. Comeza todo na educación; por iso, preparamos actividades destinadas aos nenos para que se acheguen ao noso sector sen prexuízos. Se conseguimos cambiar as malas explicacións que se verten nos manuais escolares sobre o noso sector, dentro de dez anos os estudantes van pensar de forma diferente sobre a nosa actividade”, conclúe Idalino Leão.
O queixo de Arzúa celebra a súa festa con grandes concertos
UN FESTIVAL AO REDOR DO QUEIXO
Dende 1976, no municipio coruñés de Arzúa, moi próximo ao de Boimorto, celébrase a Festa do Queixo. Este produto alimentario, resultado da transformación do leite das ganderías da zona, conta desde 1995 coa Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa.
Case dende os inicios do evento, a música estivo moi presente nesta celebración, que enaltece o queixo e o traballo dos seus produtores. A tradicional data, a comezos de marzo, non foi impedimento para reunir milleiros de persoas en concertos de balde que pretenden a máxima difusión dunha cita esencialmente gastronómica e moi arraigada na comarca.
A música folk foi a primeira protagonista e, posteriormente, o rock apoderouse do municipio. Dende Aerolíneas Federales en 1985, aos portugueses G.N.R e Os Resentidos un ano despois, ata Burning e outros grupos da escena peninsular deron o seu bocado ao queixo enriba do escenario.
Na actualidade, as actuacións programadas na Festa do Queixo son recoñecidas no calendario musical galego e noutros puntos da península como un evento que reúne diferentes estilos musicais e cunha importante promoción de artistas galegos. Na última edición estimouse que máis de 10.000 persoas acudiron aos concertos.
A Festa do Queixo é o exemplo da interrelación entre gandería e espectáculo. Nos últimos anos xurdiron máis iniciativas que gardan esta vinculación, especialmente en Galicia. Un exemplo é o Festival Agrocuir, que celebra xa unha década en Monterroso (Lugo).
Este evento reivindica a diversidade sexual e de xénero nas aldeas, baixo a organización do Colectivo Agrocuir da Ulloa, unha entidade sen ánimo de lucro. O proxecto naceu tamén nunha gandería, Granxa Maruxa. Tras os inicios e coa idea de preservar o territorio, a cita trasladouse ao centro da localidade para continuar coas súas mensaxes solidarias e reivindicativas.
Gandería e música únense nalgunhas ocasións como complemento para darlle valor a un produto en concreto. Noutras, as vacas son a base que sostén a localización do evento, cuxas condicións distarían moito se non fose por elas. No equilibrio entre o espectáculo e a preservación da zona estará o futuro destas celebracións que, dende a sombra, promove a gandería.