Galicia prorroga un mes máis as medidas de prevención contra a dermatose nodular contaxiosa

Galicia prorroga un mes máis as medidas de prevención contra a dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural publicou hoxe, luns 30 de marzo, no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución pola que se prorrogarán e reforzarán as medidas de prevención da enfermidade da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), que afecta ao gando bovino, entre as que se inclúe a ampliación do período de vixilancia veterinaria de 21 a 28 días para os bovinos procedentes de granxas de fóra de Galicia.

Esta decisión estenderase desde o 1 ata o 30 de abril, ambos incluídos, podendo ampliarse en función da evolución epidemiolóxica da doenza. A análise do risco sanitario existente, que se realiza de maneira permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter por agora as medidas cautelares establecidas en Galicia, coa finalidade de continuar salvagardando e protexendo a cabana bovina da nosa comunidade.

Con esta resolución seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais procedentes de granxas galegas. Os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados. En relación coa celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, seguirá sendo necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.

Vixilancia veterinaria de 28 días

Nesta ocasión, amplíase o período de vixilancia veterinaria oficial vixente, que pasará de 21 a 28 días para todos os bovinos procedentes de granxas localizadas fóra de Galicia, desde a data da súa incorporación á gandería de destino na nosa comunidade. Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de forma cautelar durante o mesmo período de tempo.

Tamén se mantén a obriga de desinsectar todos os bovinos da explotación receptora e os vehículos de transporte que realicen entradas de gando a Galicia, tanto para vida como para sacrificio. No caso de sacrificio, permítese a entrada se o traslado é directo ao matadoiro.

Os Servizos Veterinarios Oficiais continuarán coas actuacións de inmobilización, vixilancia sanitaria e controis de limpeza e desinsectación, co apoio das forzas de seguridade.

A Xunta reitera unha mensaxe de tranquilidade: non hai constancia de casos en Galicia e a enfermidade non se transmite ás persoas.