Galicia mantén a suspensión de feiras, concursos e certames de gando para protexer a cabana gandeira fronte á dermatose nodular contaxiosa

Galicia mantén a suspensión de feiras, concursos e certames de gando para protexer a cabana gandeira fronte á dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural amplía as medidas de prevención fronte a dermatose nodular contaxiosa (DNC), polo que seguirán suspendidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia, co fin de protexer á cabana gandeira galega. ODiario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se amplían as medidas vixentes desde o pasado 27 de outubro e que se estenderán ata o 30 de novembro, data que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.

Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Así mesmo, establécese como obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Aínda que se reforzan estas medidas de prevención e vixilancia, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.