A Consellería do Medio Rural actualiza as medidas de prevención fronte á dermatosis nodular contaxiosa (DNC), polo que volve autorizar a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, aínda que polo de agora só con asistencia de animais procedentes de granxas galegas. Os vehículos de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución pola que se actualizan estas medidas, as cales entrarán en vigor o vindeiro 1 de decembro e estarán vixentes ata o día 31 do mesmo mes, podendo ser prorrogadas, de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade. No caso da celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino, deberase contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, no seu caso tamén con asistencia só de animais de granxas galegas.
Por outra parte, segue estando activo o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os animais procedentes de granxas de fóra de Galicia, e mantense tamén o permiso para a súa entrada sempre que sexan trasladados directamente ao matadoiro. A Consellería lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.