Galicia, Asturias e Cantabria reforzan as medidas preventivas para protexer a súa cabana gandeira da dermatose nodular contaxiosa

Galicia, Asturias e Cantabria reforzan as medidas preventivas para protexer a súa cabana gandeira da dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha resolución coa que se reforzan as medidas preventivas co fin de protexer o gando galego da dermatose nodular contaxiosa. Neste sentido, todos aqueles bovinos que procedan de explotacións localizadas fóra de Galicia deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial cunha duración mínima de 21 días naturais desde a data da súa incorporación á gandería de destino na nosa comunidade.

Por outra parte, a totalidade dos animais das explotacións que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados tamén durante 21 días de maneira preventiva. Isto afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Así mesmo, establécese como obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na gandería á que se incorporen estes animais, así coma todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia. Cómpre sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación e control das condicións de limpeza e desinsectación dos vehículos.

Estas medidas estarán vixentes a partir de hoxe e durante os próximos 30 días naturais, e a resolución poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade. A Consellería lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia. Ademais, desde a Consellería reclamouse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, a fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que acheguen certezas e seguridade ao sector gandeiro.


ASTURIAS E CANTABRIA TAMÉN POÑEN EN MARCHA MEDIDAS PREVENTIVAS

Nas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria tamén se decretaron diversas medidas preventivas para protexer o seu gando da dermatose nodular contaxiosa.

Desta maneira, no caso de Asturias, e a pesar de non terse rexistrado ningún caso por agora, suspendeuse a celebración de todas as feiras e certames gandeiros ata finais de ano. Ademais, pechouse temporalmente o Mercado Nacional de Gando da Pola de Siero ata o 11 de novembro. O Goberno de Asturias estableceu o illamento e inmobilización das ganderías durante 21 días tras a chegada de animais procedentes de zonas consideradas de risco, e o Principado solicitou ao MAPA que inclúa a DNC nas coberturas dos seguros agrarios para protexer a viabilidade económica das explotacións que puidesen verse afectadas. Medio Rural tamén insiste na importancia de seguir as recomendacións sanitarias, realizar inspeccións clínicas e comunicar de inmediato aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita da enfermidade.

En Cantabria tamén se aplicaron medidas semellantes co obxectivo de protexer a sanidade animal, o sector gandeiro e o estatus sanitario da rexión. Do mesmo xeito que en Asturias, suspendeuse a celebración de todo tipo de feiras, concursos, certames, poxas, romarías e calquera concentración de animais no territorio. Así mesmo, paralizouse a actividade habitual do Mercado Nacional de Gando de Torrelavega. Estas medidas entraron en vigor o luns cunha vixencia inicial de 15 días naturais. Tamén se estableceu a obrigatoriedade de desinfectar todos os vehículos de transporte gandeiro que entren ou saian de Cantabria e prohíbese a entrada de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas como infectadas, de protección ou vixilancia fronte á DNC, ou que se atopen baixo restricións de movemento. Desde esta comunidade solicitouse ao MAPA, do mesmo xeito que en Galicia, unha coordinación estatal fronte á expansión da DNC.