FROMAGO reivindica en Galicia o papel de Zamora como referente europeo do queixo

FROMAGO reivindica en Galicia o papel de Zamora como referente europeo do queixo

FROMAGO Cheese Experience 2026 presentou este venres a súa terceira edición na 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, nun acto celebrado no stand da Deputación de Zamora. A presentación estivo conducida polo vicepresidente primeiro e deputado de Turismo, Víctor López de la Parte, e polo xerente da Escola Internacional de Industrias Lácteas de Zamora, Israel García Vaquero, ante profesionais, representantes institucionais e visitantes.

A cita zamorana celebrarase do 17 ao 20 de setembro e aspira a consolidarse como un dos grandes escaparates queixeiros de Europa. García Vaquero detallou que a feira contará con 400 stands, máis de 300 empresas expositoras, 1.200 variedades de queixo e un percorrido de tres quilómetros por 40.000 metros cadrados do casco histórico de Zamora. Ademais, o 20% do espazo reservarase a produtos de calidade diferenciada que maridan co queixo.

O programa reforzará tamén a súa dimensión internacional, con presenza confirmada de Francia, Portugal, Italia, Holanda, Suíza, Colombia, Reino Unido e Xapón, país que incorporará o sake como proposta de maridaxe. Galicia, pola súa parte, contará de novo cunha carpa propia nunha das prazas principais do percorrido feiral.

Entre as novidades figuran un cuarto túnel do queixo, dedicado aos gañadores dos Premios Cincho, e o I Concurso Nacional á Mellor Torta de Queixo de España, que se suma aos certames de fromelier e táboas de queixo en hostalaría.

López de la Parte defendeu que FROMAGO é “a feira do queixo máis importante do sur de Europa” e lembrou os 14 millóns de euros de retorno económico xerados na anterior edición.