Finaliza os seus estudos nos Estados Unidos Alexandre Rico, o primeiro bolseiro da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas

Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas celebra a finalización do máster de Alexandre Rico Fernández, primeiro beneficiario do seu programa de bolsas de posgrao. Graduado no Campus Terra da USC, Alexandre completou o Máster en Medicina Veterinaria Preventiva na Universidade de California, Davis.

Grazas a esta axuda, afondou en áreas como a epidemioloxía, a saúde pública ou a xestión do risco desde o enfoque One Health. Na súa memoria final, destaca a necesidade de investigación e formación especializada para afrontar retos como o envellecemento, o despoboamento ou a perda de competitividade do sector agroalimentario en Galicia.

Rico, que xa visitou a sede da Fundación para compartir a súa experiencia, ten previsto regresar a Galicia para contribuír ao desenvolvemento sustentable do medio rural.

A Fundación lembra que a convocatoria de bolsas para o curso 2025/2026 continúa aberta ata o 31 de maio, e pode consultarse en www.fundacioncruralnotario.gal.