SPACE 2020

Finaliza Space 2020, unha edición dixital que non cesou na súa procura das novidades máis relevantes para o sector

O Salón de Producións Animais de Rennes pechou as súas portas virtuais o pasado venres tras unha semana presentando unha ampla carteira de actividades online.

Ao acto de entrega dos premios Innov’Space 2020 o martes seguírono un cento xornadas telemáticas sobre distintas ramas da agroganadería, unha serie podcasts e de reportaxes en granxa para suplir as súas habituais visitas a explotacións da zona e a organización das súas citas cos distintos expositores da feira a través de chat ou videoconferencia (as cales continuarán ata o 30 de setembro).

Do mesmo xeito, tanto a poxa de gando de elite como a presentación das distintas razas de gando participantes habitualmente na feira (con especial mención para a Loura de Aquitania e a Normanda, razas de honra nesta edición, así como para a Blonde e a Charolaisse) se desenvolveron virtualmente.

RESULTADOS DA PRIMEIRA POXA ONLINE DE GANDO DE ELITE DE SPACE

Era a primeira vez que a poxa interracial de gando vacún de elite organizada pola cooperativa Evolution durante a celebración do Space tiña lugar en liña. “A nosa poxa de elite é unha celebración única en Europa e, durante máis de 30 anos, foi o maior evento de Space en canto a exhibición xenética”, destacaron os organizadores da feira.

Entre o 10 e o 16 de setembro desenvolveuse esta edición dixital da poxa a través da web habilitada para iso. Como vén sendo habitual, saíron a concurso unha vintena de xovencas das razas Holstein, Normanda, Jersey, Pie Rouge e Montbeliarde, xunto con 3 lotes de embrións.

Deuse saída a todos os lotes presentados e o volume de negocio alcanzou os 88.750 €, cun prezo medio de 3.550 euros. O animal mellor valorado, un exemplar Holstein, foi adxudicado por 8.100 euros.

Os resultados completos pódense consultar nesta ligazón