FIMA presenta en Galicia a súa edición de 2026 e avanza a creación de FIMA Tech

FIMA presenta en Galicia a súa edición de 2026 e avanza a creación de FIMA Tech

A Feira Internacional da Maquinaria Agrícola (FIMA) está en plena promoción da súa nova edición, que se celebrará do 10 ao 14 de febreiro en Zaragoza. Este venres, representantes da organización presentaron o evento en Santiago de Compostela, na sede da Consellería do Medio Rural da Xunta.

Unha das grandes novidades será a habilitación dun amplo espazo centrado na tecnoloxía, FIMA Tech. Ademais, FIMA Conecta Talento establecerá un punto de encontro entre estudantes e empresas do sector.

Fima Tech pretende reunir a empresas, startups, universidades e institucións que impulsan a transofrmación dixital no campo. O Pavillón 9 disporá de espazos expositivos, zona de demostracións e networking e un escenario para presentacións rápidas . 

No acto estiveron presentes Fernando Cidraque, director xeral de FIMA; Ana Hernández, directora xeral adxunta da Feira de Zaragoza; María José Gómez, conselleira do Medio Rural da Xunta; e José Balseiros Guinarte, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta.

“Vir a Galicia era fundamental, non só pola cantidade de persoas galegas que nos visitan, senón tamén pola relación que desde sempre existiu entre Zaragoza e Santiago. Cremos que as feiras son un lugar de encontro, pero que teñen que pasar máis cousas”, subliñou Ana Hernández.

"Para nós é moi importante saber que os compradores da nova tecnoloxía están presentes na nosa feira", destacou Fernando Cidraque. 

María José Gómez clausurou o acto falando das sinerxías entre Galicia e Aragón: “Únenos a gandería e a agricultura como principal motor económico de ambas comunidades. Xuntos somos máis fortes”.