O profesor Fernando Muñoz Guzón asumiu o pasado xoves o cargo de decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nun acto celebrado no Auditorio de Veterinaria, en Lugo, e presidido polo reitor Antonio López Díaz. Muñoz sucede no posto ao profesor Gonzalo Fernández, que tamén interveu na cerimonia.
“Nesta nova etapa, o meu compromiso é claro: liderar co diálogo, coa transparencia e cunha vocación profundamente colaborativa”, afirmou o novo decano, quen subliñou a necesidade de traballar de maneira conxunta: “Esta facultade non pode avanzar se non o fai unida. A miña porta estará sempre aberta para escoitar, compartir e construír conxuntamente”.
Pola súa banda, o reitor destacou que a Facultade de Veterinaria “lidera o seu ámbito a nivel estatal e internacional”, algo que cualificou como “un orgullo para a USC”. Antonio López agradeceu o labor do decano saínte e animou ao novo equipo a consolidar os logros acadados e afrontar os próximos anos “mirando o futuro con optimismo”.
Muñoz expresou o seu recoñecemento ao equipo anterior e avanzou os principais retos do mandato: manter e superar os estándares da EAEVE, reforzar o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, mellorar as infraestruturas de investigación e estreitar lazos cos colexios profesionais e co sector primario galego.
O equipo de goberno complétano como vicedecanos Víctor Pereira Lestayo, Cynthia López Novo e Cristiana Filipa Cazapal Monteiro, e Natalia Miño Fariña como secretaria.
Doutor pola Universidade Complutense de Madrid (1999), Muñoz é profesor titular e integra un grupo de investigación centrado na cirurxía e diagnóstico por imaxe en veterinaria.