Feiraco Yogu+ logra cinco estrelas nos premios Superior Taste Awards

Feiraco Yogu+, da Cooperativa CLUN, logrou un total de cinco estrelas no Superior Taste Awards, os prestixiosos premios do International Taste & Quality Institute (ITQi), considerado como a Guía Michelin dos produtos alimenticios, o Premio á Excelencia é un dos máis prestixiosos no sector. Feiraco Yogu+ conta con dúas liñas de produto: iogures sólidos (de culler), comercializados exclusivamente nos mercados de exportación, e iogures líquidos (bebibles), presentes no mercado nacional.

O xurado do iTQi, composto por 200 chefs e sommeliers de renome, efectúa diversas catas para avaliar a calidade dos produtos, destacando a Yogu+ polo seu sabor superior nas súas variedades natural azucarado, fresa e macedonia. Os expertos, destacados líderes de opinión, realizan unha detallada análise sensorial, con comentarios sobre criterios organolépticos como a impresión gustativa, aspecto, cheiro e textura.

Un produto gañador que non necesita frío

Feiraco Yogu+, iogur pasterizado despois da fermentación, está elaborado cun 88 % de leite fresco e é un produto gañador: cremoso, apetitoso, con boa textura e gran sabor. Non necesita frío, polo que está adaptado para mercados que non garanten unha óptima cadea de conservación e pode chegar incluso a zonas onde a cadea de frío non se atopa moi desenvolvida, cunha vida útil de máis de 270 días.

Feiraco Yogu+ está presente en máis de 30 países e 4 continentes (Europa, Asia, África e América), destacando nos mercados de China, República Dominicana, Venezuela, Mauritania, Cabo Verde, Singapur, Maldivas, Xordania, Senegal, Guinea Conakry, Gambia, Costa de Marfil, Nixeria, Guinea Ecuatorial e Angola.