O Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela foi hoxe a sede da festa do 50 aniversario da cooperativa galega Feiraco, que hai agora dous anos se integrou no clúster Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).
Máis de 300 persoas entre socios, clientes, diversos colaboradores e unha representación institucional encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asistiron á celebración, que comezou ao mediodía tras deixar na catedral unha ofrenda ao Apóstolo Santiago.
“Feiraco é o exemplo de transición modélica dunha cooperativa social a unha empresa cooperativa competitiva e eficiente dentro dunha Economía Social solidaria. Hoxe CLUN recolle o testigo de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando ao escenario mundial (…). As 10.000 familias que acolleu Feiraco neste medio século e os 3.500 socios actuais suman agora forzas, ilusión e traballo con Vos Irmandiños e Melisanto para escribir o futuro de CLUN”, afirmou durante a súa intervención o presidente de Feiraco, José Montes.
RECOÑECEMENTOS
Durante o acto entregáronse unha serie de medallas de recoñecemento a institucións que contribuíron ao desenvolvemento da cooperativa. Foi o caso do Concello de Negreira, o Concello de Ames, a Cooperativa Tapia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Cooperativa Agroalimentarias de España. Tamén foron galardoadas personalidades destacadas na evolución da empresa como é o caso dos socios fundadores Celsa Pena Fajín, Maximino Viaño e Xullo Barbazán; o antigo vicepresidente do consello reitor, Jesús Capeáns; Manuel Mariño, primeiro traballador da cooperativa; José Luís Antuña, director xeral da compañía durante doce anos; José Montes, o seu actual presidente; e Darío Villanueva, impulsor da relación entre Feiraco e a USC durante a súa etapa como reitor.