A Federación Frisona Galega (Fefriga) fixo públicos os nomes das ganderías e dos animais galardoados coas Distincións Honoríficas 2025, uns recoñecementos que poñen en valor o traballo, a constancia e a profesionalidade dos criadores que obtiveron os mellores resultados de Galicia durante 2025.
No apartado de Mellores Ganderías por Produción, Gandería Rodasinde SC, situada no Saviñao (Lugo), volve ocupar a primeira posición por sétimo ano consecutivo. Completan os tres primeiros postos Gandería Rego SC, de Láncara, e Gandeiría Fondón, de Ribadeo, ambas tamén na provincia de Lugo.
A clasificación de Mellores Ganderías por Cualificación Morfolóxica está encabezada de novo por Mantoño Holstein, de Barreiros (Lugo). A continuación, sitúanse Baixo Holstein, de Sarria (Lugo), e Finca La Asunción, situada en Touro (A Coruña).
Na categoría de Mellores Ganderías por ICO, o primeiro lugar correspóndelle a SAT Agosto Darriba, de Pastoriza (Lugo). Tras ela figuran GB Gandería SC, de Lalín (Pontevedra), e Landeira SCG, de Negreira (A Coruña).
As distincións tamén recoñecen os animais que superaron os 100.000 quilos de leite producidos ao longo da súa vida. Dentro da categoría de Mellores Producións Vitalicias atópanse SAT Varela Trigger 780, de Varela Labrada SL, na provincia de Lugo; Perlita, pertencente a Gandería Vieites García SC, e Grille Amsterdam 277, de Grille SCG, ambas na Coruña.
Bermui Montross 277, de Finca Bermui SC (provincia da Coruña), lidera a listaxe de Mellores Vacas Produtoras de 2025. Xunto a ela aparecen Rodasinde Brass 639 7364, de Gandería Rodasinde SC, e Lodos Apprentice Tesla, de SAT Lodos e Pérez 940 X, ambas explotacións da provincia de Lugo.
No apartado reservado ás Mellores Primíparas de 2025, quedaron nas tres primeiras posicións Ferreiro Sochi 4176, de SL Explotacións Ferreiro, de Lugo; Os Loureiros Arancha Gopro, de Gandería Os Loureiros SL, da Coruña, e Ferreiro Sochi 4179, tamén de SL Explotacións Ferreiro.
Para seleccionar os premiados, Fefriga aplica diferentes requisitos en función de cada categoría. Entre eles atópanse un número mínimo de lactacións ou de animais cualificados, determinadas porcentaxes de femias avaliadas ou inscritas no rexistro auxiliar, a idade ao parto das xovencas e, no caso das producións vitalicias, ter superado os 100.000 quilos de leite.