ExpoFeira Agolada Rural, a nova cita gandeira e de maquinaria agrícola da comarca do Deza

A fin de semana do 14 e o 15 de setembro, o mercado de gandos de Agolada (Pontevedra) acollerá a primeira edición de ExpoFeira Agolada Rural, unha mostra expositiva de maquinaria agrícola e animais que nace co obxectivo de darlle vida ao municipio.

Asociacións de razas autóctonas de Galicia, como as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa e Limiá, así como o Porco Celta e a Galiña de Mos, ademais da vaca rubia galega, xa confirmaron a súa presenza no evento.

Segundo apunta o impulsor da iniciativa, Rafael Méndez, outra das ideas desta feira é que funcione como xerme dun mercado de venda de gando, no que se cumprirán as máximas medidas de control sanitario mediante certificados de ADS que garantan que os animais postos á venda están libres das enfermidades que estas asociacións controlan, tales como neuspora, BVD e IBR.

En canto á exposición de maquinaria, Méndez indica que acudirán practicamente todas as firmas comerciais con presenza no Deza. Non obstante, puntualiza que aínda hai espazo dispoñible para outras empresas que se queiran sumar, en cuxo caso deberán contactar coa organización do evento no teléfono 687 710 702 para reservar o seu espazo.