Éxito de asistencia á xornada Smart Farming, Novas Tecnoloxías na Produción de Leite

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo foi o escenario elexido para a celebración da xornada Smart Farming, Novas Tecnoloxías na Produción de Leite, organizada polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo. A ela asistiron máis dun cento de persoas ligadas dun xeito ou doutro ao sector de vacún leiteiro.

Logo do acto inaugural, no que participaron a xefa territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, e o catedrático e coordinador de PROePLA, Manuel Marey, este último ofreceu unha conferencia titulada ‘A investigación en Smart Farming: perspectiva da Spanish Journal of Agricultural Research (SJAR)’. A continuación a douranda Alba Vázquez afondou no papel das oficinas agrarias virtuais e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, disertou sobre o impulso da innovación agraria desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Despois dun breve descanso para o café, as empresas Alltech, Aresa, Corteva-Pioneer, Durán Maquinaria e DeLaval fixeron cadansúa presentación sobre as súas achegas máis innovadoras no ámbito do vacún de leite.

Xa en horario de tarde, un bus trasladou aos asistentes ata as instalacións de Durán Maquinaria, onde recibiron explicacións máis detalladas sobre as cubas e os aplicadores de xurro. Posteriormente desprazáronse ata a gandería SAT Varela de Castro de Rei, onde puideron ver en funcionamento, entre outros equipos, os robots de muxido de DeLaval. Os asistentes tamén asistiron alí a demostracións técnicas en campo por parte de Corteva-Pioneer e Alltech.

Esta xornada está enmarcada dentro do Plan de Transferencia Tecnolóxica ao Agro Galego 2019, financiado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).