Evidencias médicas aconsellan tomar polo menos tres lácteos ao día

O doutor en Bioloxía, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Granada, presidente da Fundación Iberoamericana da Nutrición (FINUT) e portavoz do proxecto H2020 da Unión Europea (UE) impulsado pola Organización Interprofesional Láctea (INLAC), Ángel Gil, pide á poboación que non debería desterrar os lácteos no marco dunha dieta equilibrada por modas, falsas crenzas ou mitos, máis aínda se se teñen en conta as evidencias científicas sobre os seus beneficios como o que achega o calcio que é necesario para o desenvolvemento normal de ósos e dentes. Os lácteos enriquecidos con vitamina D tamén contribúen  ao mantemento destes en condicións normais. Ademais, a vitamina A, presente nos queixos, contribúe a manter as mucosas, a pel e a visión en condicións normais.

Gil, Rosa Mª Ortega, doutora en Farmacia e catedrática de Nutrición na Universidade Complutense de Madrid, e a propia INLAC foron os artífices para que unha das publicacións máis prestixiosas do ámbito internacional no ámbito da nutrición e as ciencias biomédicas, Advances in Nutrition, apoie estes produtos nun momento no que xorden voces que, sen este tipo de argumentos, están a cuestionalos. Hai tan só unhas semanas, publicaba un suplemento con 14 artigos no que participaron máis de 50 investigadores de renome internacional, e que analiza mediante revisións sistemáticas e metaanálisis toda a evidencia científica dispoñible a nivel internacional sobre o papel do leite e dos produtos lácteos na saúde humana e na prevención das enfermidades crónicas non transmisibles. Demostra, en suma, as bondades derivadas dun consumo regular de leite e produtos lácteos tanto desde o punto de vista nutricional como para previr certas enfermidades crónicas e para axudar a manter unha adecuada calidade nas diferentes etapas da vida, desde a nenez ata a terceira idade. Non foi a única publicación sobre o tándem leite-saúde. Investigadores do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), da Unidade de Nutrición Humana da Universitat Rovira i Virgili e IISPV difundiron esta semana as conclusións dun estudo que mostra que o consumo máis elevado de lácteos asóciase á prevención das enfermidades crónicas.

O leite e os produtos lácteos constitúen o grupo de alimentos máis completo e equilibrado, xa que proporcionan un elevado contido de nutrientes en relación co contido calórico e, ademais, presentan unha composición moi equilibrada, ao achegar proteínas de alto valor biolóxico, hidratos de carbono (lactosa), vitaminas liposolubles e minerais, especialmente calcio e fósforo. De igual modo, axudan a previr enfermidades, tal e como constatan cada vez máis publicacións de ámbito nacional e internacional, desautorizando así aos escépticos, bulos ou fake news que fomentan os detractores do produto.

CONSUMO RECOMENDADO

Respecto das dúbidas que xorden na poboación sobre as cantidades recomendables, diferentes expertos lembran que o concepto de “polo menos tres ao día” -sumando leite, iogur ou queixos- é unha idea de consumo medio pensando na poboación en xeral. Tendo en conta estritos criterios científicos, e por tramos de idade, recoméndase que os nenos de pouca idade tomen entre 4 e 5 racións ao día, os nenos e adolescentes entre 3-4, en cada caso, 4 as embarazadas e de 3 a 4 as persoas de idade avanzada. Os expertos, en definitiva, subliñan que os lácteos deben consumirse durante todas as etapas da vida fronte a quen opinan que non hai argumentos científicos para sustentar esa recomendación.