Tras doce anos á fronte da European Milk Board, o alemán Romuald Schaber abandona a presidencia, que pasará a ser asumida polo belga Erwin Schöpger.
O novo presidente, elixido este luns na asemblea xeral da asociación, remarcou na toma de posesión o gran labor levado a cabo durante estes anos por Schaber: “Como un presidente forte e xusto, Romuald Schaber conduciu acertadamente aos produtores de leite europeos, creando unha importante base para o futuro”, afirmou. Así mesmo, Schöpges tamén incidiu nos obxectivos a cumprir durante o seu mandato: seguir traballando activamente na defensa de prezos xustos para os produtores e lograr unha produción sustentable para os consumidores e para os produtores europeos e de países en vías de desenvolvemento.
Pola súa banda, na súa despedida, o agora expresidente da EMB tivo palabras de agradecemento para os seus colegas, con quen dixo ter compartido algunhas das mellores experiencias da súa vida, e fixo un chamamento a seguir traballando xuntos para mellorar o sector: “Sempre será importante asumir responsabilidades no ámbito político da nosa profesión, así como unir as nosas forzas, para poder defender a nosa posición”, afirmou Schaber, quen deixa o seu posto tras máis dunha década de traballo para poder centrarse na súa explotación.
Ao organigrama únense tamén dous novo membros: Johannes Pfaller, da organización alemá BDM; e Pat McCormack, da Organización de Produtores de Leite Irlandés (ICMSA), os claes substitúen ao produtor de Irlanda John Comer, que deixa tamén o seu posto na executiva logo seis anos de traballo.