Baixo o título "Menos pegada, máis futuro: sostibilidade práctica para o sector lácteo”, o proxecto Laktis celebrará o próximo 16 de xuño en Ribadeo (Lugo) a súa xornada final, un encontro concibido como demo day que terá lugar no CFEA Pedro Murias, entre as 10:30 e as 18:30 horas, e poñerá o foco na pegada de carbono, a descarbonización e a sostibilidade real en granxa.
Tras o desenvolvemento das diferentes xornadas técnicas celebradas en Galicia e Asturias ao longo do proxecto, este encontro final servirá para compartir aprendizaxes, presentar resultados e avanzar en recomendacións útiles para o sector lácteo. A xornada está dirixida a gandeiros, técnicos, asesores, cooperativas, industria, administración, centros de coñecemento, empresas provedoras de solucións e axentes de innovación interesados en coñecer ferramentas aplicables para avanzar cara a explotacións máis eficientes, sostibles e preparadas para os novos retos climáticos e económicos.
Laktis iniciou o seu calendario de actividades co obxectivo de acelerar a transición cara a unha gandería láctea máis sostible, baixa en carbono e aliñada cos retos da Política Agraria Común. O proxecto traballou directamente con ganderías galegas e asturianas para validar ferramentas de medición de pegada de carbono, identificar casos piloto, promover estratexias de mitigación de emisións e elaborar unha Guía Branca de Boas Prácticas orientada a facilitar a toma de decisións no sector.
Nesta xornada final, un dos momentos centrais será precisamente a presentación da Guía Branca Laktis, un dos principais resultados do proxecto. Victoria Carballeira, sustainability project manager en Medrar Innovation Office, exporá tres mensaxes clave deste documento, elaborado a partir do traballo realizado durante os últimos meses e coas ganderías e o medio rural como eixo central das recomendacións.
A apertura institucional contará coa participación de Manuel Valín, director do CFEA Pedro Murias; Diego Canga, director xeral adxunto en funcións da DG AGRI da Comisión Europea, e Juan José Cerviño, da Dirección Xeral da PAC da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
O programa incluirá tamén unha ponencia científica a cargo de David Yáñez, profesor de investigación do CSIC, quen abordará a cuestión “Da pegada de carbono á decisión en granxa: que di a ciencia”. A continuación, Kilean Watson, director xeral de Arla Foods España, ofrecerá unha ponencia maxistral aplicada baixo o título “Sostibilidade que se paga: como unha cooperativa europea está impulsando o cambio nas granxas”.
Ademais das ponencias, a cita combinará espazos de debate, networking, stands, dinámicas participativas e unha visita técnica. A primeira mesa redonda, moderada por Carlos Ares, director xerente de Agaca, levará por título “Ganderías que inspiran: sostibilidade cos pés na terra” e permitirá coñecer experiencias vinculadas á aplicación práctica de medidas sostibles nas explotacións.
Posteriormente, desenvolverase unha dinámica participativa centrada no deseño do plan de sostibilidade dunha granxa real. Baixo a pregunta “En que investirías?”, participarán empresas e entidades como Innogando, Pentabiol, Entomo, AINIA, C-Lock Inc e Agricarbon, que presentarán solucións vinculadas á innovación, a eficiencia, a medición e a redución de emisións.
A segunda mesa, moderada por Nuria M. Arribas, directora xerente da Inlac, abordará o papel de cooperativas e industria como pancas de transición cara a un sector lácteo máis sostible. Nela participarán Ángel Miranda, director da División Agrogandeira en Clun; Higinio Mougán, adxunto á Presidencia e Consello Reitor de Agaca, e Estefanía Iglesias, directora de Sostibilidade de Grupo Central Lechera Asturiana.
A terceira mesa, “Do proxecto á rede: como deixar capacidade instalada no territorio”, estará moderada por Rubén Hidalgo, director de innovación aberta de Grupo Central Lechera Asturiana, e centrarase en como trasladar as aprendizaxes do proxecto a estruturas estables que permitan seguir acompañando o sector máis alá de Laktis.
Pola tarde, os asistentes participarán nunha dinámica de priorización de recomendacións da Guía Branca, mediante votación en sala a través de código QR, para seleccionar as medidas máis urxentes ou importantes de cara aos próximos doce meses. A xornada finalizará cunha visita técnica ao Centro de Alimentación de Gando Vacún (Cavi) de Clun e a unha gandería da mesma cooperativa.
O proxecto Laktis está promovido por un consorcio multiactor que agrupa diferentes elos da cadea de valor do sector lácteo, entre eles Clun, Clas, Capsa Food, Agaca e Medrar Innovation Office, xunto con empresas e entidades especializadas en innovación, sostibilidade e tecnoloxía aplicada ao sector agrogandeiro. En anteriores encontros, o proxecto xa compartiu os primeiros resultados do cálculo de pegada de carbono en explotacións piloto e abriu o debate sobre como transformar eses datos en solucións reais para as granxas.
Desde a organización destacan que a xornada final está pensada inicialmente para vivirse de forma presencial, polo seu compoñente práctico, participativo e de intercambio entre os distintos axentes do sector, pero a capacidade xa foi completada.
De todas formas, todos aqueles interesados que queiran participar nas partes dispoñibles online deben inscribirse a través desta ligazón á web de Laktis.