A VII edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, organizada pola Federación Frisona Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros co apoio de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e da Deputación de Pontevedra, está a celebrarse esta semana nas instalacións da Finca Mouriscade en Lalín (Pontevedra).
Ao longo desta semana, a mocidade participante terá a oportunidade de mergullarse nun programa completo que combina aprendizaxe práctica, convivencia e actividades pensadas para fomentar a ilusión polo sector lácteo. Segundo a organización, o obxectivo é ofrecerlles un espazo no que adquirir coñecementos, compartir experiencias e fortalecer o seu compromiso co futuro da gandería galega.