O XXVII Concurso da Raza Frisona de Galicia celebrarase en Santa Comba no mes de novembro

O XXVII Concurso da Raza Frisona de Galicia celebrarase en Santa Comba no mes de novembro

Esta mañá tivo lugar en Santa Comba a presentación da 27.ª edición do Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga 2018, que se celebrará nesta localidade coruñesa os días 23, 24 e 25 de novembro.

Os presidentes de Africor Lugo, Africor Coruña e Africor Pontevedra foron os encargados de dar a coñecer o programa provisional da competición. O día 23 producirase a entrada do gando, o día 24 desenvolveranse os concursos de xatas, xovencas e vacas e o día 25 competirán os novos manexadores. Na última xornada tamén terá lugar a entrega das distincións honoríficas de Fefriga.

Os tres presidentes –José Carlos Vega (A. Lugo), Manuel Antelo (A. Coruña)e Rafael Méndez (A. Pontevedra)– animaron a todos os gandeiros de Galicia a participar, se ben Antelo lles fixo unha petición especial aos coruñeses por ser esta a primeira vez que se celebra o certame nesta provincia despois de moitos anos.

A alcaldesa de Santa Comba, María Pose, subliñou a grande importancia do vacún de leite neste municipio e manifestou o apoio institucional do Concello para a organización do evento. Na mesma liña interviu o concelleiro de Medio Rural, Juan Carlos Pérez, quen asegurou que o obxectivo é sempre “apoiar o sector gandeiro”. Na presentación tamén se instou ás casas comerciais a que colaboren co patrocionio das diferentes seccións do certame.

A idea de Fefriga é que, a partir de agora, o ano que non hai Gandagro o concurso sexa rotatorio entre as provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.