Vaca Pinta emitirá en directo desde a súa páxina de Facebook e a súa web o Seminario sobre vacún leiteiro en pastoreo e uso de novas tecnoloxías que terá lugar mañá mércores 17 de outubro na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria de Lugo desde as 10:30 h ás 13:30 h da mañá.
Contará co relatorio da doutora Eva Spörndly, da Universidade Sueca de Ciencias Agrarias (SLU), que exporá a súa experiencia e traballo de investigación sobre o uso de robots de ordeño e pastoreo.
Aida Xercavins e Aranzazu Varvaró, do Instituto de Investigación en Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA), farán un breve repaso das tecnoloxías existentes para o seu uso en pastoreo e como poden ser de utilidade. Xan Pouliquen, asesor da empresa Xestión Agrogandeira e Natureza SL, abordará distintas técnicas de pastoreo e os erros máis comúns de manexo.
Finalmente, haberá un tempo de debate e discusión, onde tamén poderán expresarse preguntas sobre calquera dos puntos tratados. O público, tanto as persoas presentes na sala como os usuarios de Facebook, poderán participar na ronda de preguntas enviando as súas cuestións escritas na publicación en directo.