O segundo día das Xornadas de Seragro afondou no marco laboral, a dixitalización ambiental, a saúde podal e o avance da IA nas granxas

O segundo día das Xornadas de Seragro afondou no marco laboral, a dixitalización ambiental, a saúde podal e o avance da IA nas granxas
  • Como é tradición, as Xornadas clausuráronse o venres a media tarde co brinde do leite, un manifesto simbólico a favor do consumo de lácteos e en recoñecemento ao labor dos produtores e galegos.
  • Máis de 1.000 persoas se reuniron este ano na Facultade de Veterinaria de Lugo para asistir ás XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres a segunda e última parte das XXII Xornadas Técnicas de Seragro, nas que se afondou en cuestións laborais, sanitarias e tecnolóxicas de plena actualidade para o sector lácteo galego. Ao longo dos dous días de relatorios, pasaron polo auditorio da Facultade de Veterinaria para asistir ás conferencias máis de 1.000 persoas, entre gandeiros, veterinarios e técnicos do sector.

As avogadas María Jesús Asorey e Noa García, de AUSUM Abogados, abriron a xornada do venres co relatorio “O marco laboral no sector agrario e gandeiro: da norma á práctica”, incidindo en que o cumprimento da normativa laboral é unha garantía de protección tanto para empresarios como para traballadores. A continuación, Víctor Novo, da Consellería do Medio Rural, presentou o Caderno electrónico de explotación e obrigas ambientais, ferramenta clave para asegurar a trazabilidade e a adaptación ás esixencias da PAC 2023-2027. Subliñou a necesidade de reducir fertilizantes e emisións e de incorporar tecnoloxías dixitais para o control da actividade agraria.

A saúde podal foi tema de análise por partida dobre. Javier Fernández, do Servizo de Podoloxía de Seragro SCG, comparou dous métodos de recorte de pezuños na súa presentación “Revisión ou lotes?”, na que concluíu que as revisións semestrais reducen nun 12 % as patoloxías fronte ao sistema por lotes e manteñen unha mellor saúde podal. De seguido, Arturo Gómez, director de I+D de Zinpro Corporation, afirmou que a coxeira é unha enfermidade da transición, vinculada ao estrés e ao esgotamento enerxético das vacas no período de seca. Propuxo unha “política cero coxeiras preparto” baseada en nutrición axeitada, confort e control térmico.

O espazo sobre innovación tecnolóxica chegou da man de Javier Bueno, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, quen reflexionou sobre tecnoloxía e intelixencia natural como ferramentas complementarias. Referiuse ao crecemento da automatización no vacún de leite, con máis de 600 robots de muxido instalados en Galicia, e defendeu que a formación dos profesionais é tan esencial coma a maquinaria avanzada.

As experiencias prácticas das granxas completaron o programa: Carlos Liste, de Ganadería Liste (Trazo, A Coruña), explicou a súa xestión de forraxes con maquinaria propia, estratexia que lles permite controlar totalmente a produción e mellorar a calidade dos cultivos, mentres que Juan Carlos Lodos, de SAT Lodos e Pérez (A Pastoriza, Lugo), expuxo o modelo contrario —a produción de forraxes sen maquinaria— e destacou as vantaxes da subcontratación para optimizar recursos e manter a eficiencia produtiva.

A conferencia de clausura correu a cargo de Pol Llonch, experto independente na Plataforma de Benestar Animal da Comisión Europea, quen abordou a aplicación da intelixencia artificial nas granxas leiteiras. Explicou como os sensores e algoritmos permiten prever enfermidades e avaliar a produtividade con días de antelación, advertindo, non obstante, de que o coñecemento humano e o criterio do gandeiro seguen sendo insubstituíbles.

Como peche a esta edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, a media tarde do venres levouse a cabo o tradicional brinde do leite, un manifesto simbólico a favor do consumo de lácteos e en recoñecemento ao labor dos produtores galegos.