O sector gandeiro apoia solucións para a xestión de residuos en Cabrales

O sector gandeiro apoia solucións para a xestión de residuos en Cabrales

Cooperativas Agro-alimentarias del Principado de Asturias, Ascol, Aseamo e Aseava mostraron o seu apoio á construción da planta de biogás proxectada en Arenas de Cabrales (Asturias). As catro organizacións consideran necesario avanzar en solucións que permitan xestionar adecuadamente as dexeccións gandeiras e os subprodutos procedentes das queixerías artesás e valoran as iniciativas de valorización e economía circular que poidan contribuír a dar resposta a esta problemática.

As entidades recoñecen as dúbidas que unha infraestrutura destas características pode xerar entre os veciños e subliñan que calquera actuación deberá cumprir as garantías ambientais, sanitarias, técnicas e urbanísticas esixibles. Ao mesmo tempo, advirten de que manter a situación actual non resulta sostible a longo prazo, especialmente ante unhas esixencias ambientais cada vez maiores para gandeiros e queixeiros. Neste sentido, sinalan que o traslado de xurros, estercos ou soros a longas distancias, ou a necesidade de afrontar individualmente o seu tratamento, pode supoñer un importante custo para pequenas ganderías e queixerías.

As organizacións lembran ademais o estreito vínculo existente entre a actividade gandeira e queixeira e a conservación da paisaxe de Cabrales. Pradarías, pastos, brañas e espazos abertos son, apuntan, o resultado dunha actividade desenvolvida durante xeracións e forman parte dunha paisaxe cultural que constitúe tamén un dos principais atractivos naturais e turísticos do concello. Por iso, defenden que a protección do territorio debe ir acompañada de medidas que permitan manter a actividade económica e a poboación vinculada ao medio rural.