O Salón Gourmets, unha das feiras alimentarias máis importantes do panorama internacional, entregou hoxe os galardóns do Campionato dos Mellores Queixos de España 2026, no que o queixo Savel, elaborado pola queixería Airas Moniz (Chantada, Lugo), foi recoñecido como o Mellor Queixo de España 2026.
Este queixo azul, que ademais obtivo o ouro na súa categoría e a distinción Gold ICEX, encabeza un palmarés no que os queixos elaborados con leite de vaca tiveron un protagonismo destacado. Cómpre lembrar que desde a revista Vaca Pinta tivemos a oportunidade de coñecer de preto o proxecto de Airas Moniz nos seus inicios, cando comezaba a súa andaina no ano 2018 (fai clic na ligazón para ver a reportaxe).
O certame, que reuniu máis de 800 mostras avaliadas por un panel de 64 xuíces, premiou elaboracións en 20 categorías diferentes, consolidándose como o concurso máis prestixioso do sector queixeiro en España.
Dentro das categorías de queixos de vaca, Galicia volveu demostrar a súa fortaleza. Na categoría de queixos novos de vaca, o queixo Prestes, da queixería homónima de Vilalba, acadou a medalla de prata e o recoñecemento Gold ICEX, mentres que Eume, de Queixerías do Eume (As Pontes), obtivo o bronce. O gañador desta categoría foi Rey Silo Blanco, do asturiano Ernesto Madera López (Pravia).
Na categoría de queixos curados de vaca elaborados con leite cru, o queixo Mourelo, da gandería lucense Quintián, foi distinguido coa medalla de prata. Este proxecto, tamén recollido nunha reportaxe de Vaca Pinta, é un exemplo do traballo ligado á produción propia e á transformación en orixe. O ouro levouno Urrezko, de Quesería Pittika, de Erratzu (Navarra), e o bronce, Subaida añejo DOP Mahón-Menorca, de Quesos Subaida, de Es Mercadal.
Pola súa banda, na categoría de queixos curados de vaca con leite pasteurizado, o queixo Doña Cobiña curado, de Cobideza (Agolada), obtivo a prata, mentres que Palo Santo do Camiño 200 días, de Central Lechera Gallega (Cuntis), logrou o bronce e Añejo Señorío de Cameros, de Lácteos Martínez (Haro, La Rioja), o ouro.
Noutras categorías onde o leite de vaca ten presenza, o queixo Trisquell, de Queixos Feijoo (Celanova), conseguiu o bronce na categoría de pasta branda e cortiza enmohecida, e o queixo Fontelas DOP San Simón da Costa, de Javier López Piñedo (Vilalba), alzouse co ouro na categoría de queixos afumados.
Estes recoñecementos poñen de manifesto o alto nivel dos queixos elaborados con leite de vaca en España e, especialmente, en Galicia, onde a combinación de materia prima de calidade, tradición e coñecemento técnico continúa situando aos seus produtores entre os mellores do panorama nacional.