A Gandería Quintián, do Páramo (Lugo), participou o pasado venres, 29 de novembro, na última edición do prestixioso Concurso International de Lyon co seu queixo Mourelo.
Entre 2.496 mostras de queixos provenientes de 14 países valoradas por 594 catadores internacionais, Mourelo, un queixo de pasta prensada semicocida elaborado con leite cru de vaca, logrou ser recoñecido coa Medalla de Ouro 2025, un premio que xa conseguirá na anterior edición do certame.
“É unha satisfacción recibir un galardón tan importante por segunda vez e para nós supón todo un recoñecemento ao noso traballo e á calidade dos nosos produtos”, afirma Chelo López, xerente de Gandería Quintián.
López engade ademais que “conseguir un recoñecemento coma este en Francia, nun país tan distinguido polos queixos, e cun queixo coma Mourelo, cuxa tipoloxía non é moi común en España, é todo un logro. Estamos felices e moi orgullosos”.
O 2024 chega case ao seu fin como un ano de grande éxito para este queixo de Gandería Quintián, pois na 14º edición de Gourmet Quesos, o Campionato dos Mellores Queixos de España, alzouse como terceiro mellor queixo de España na súa categoría.