A localidade coruñesa de Boqueixón acolleu esta mañá a presentación do informe anual sobre prezos e mobilidade da terra rústica, un documento presentado por Eduardo Corbelle, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González; o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Deste informe, elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, despréndese que o prezo medio deste tipo de terras en Galicia medrou case un 12 % no 2017 (último ano do que se teñen datos oficiais). En concreto, o prezo medio pasou de 0,93 euros por metro cadrado no 2016 a 1,04 no 2017. Por tipos, o prezo nos terreos de monte aumentou máis dun 8 %, ao pasar dos 0,59 aos 0,64 euros por metro cadrado. No caso das parcelas destinadas a actividade agraria ou gandeira, o que se denomina Superficie Agraria Útil, tamén medrou nun 29 %, ao pasar dos 1,39 aos 1,79 euros por metro cadrado.
O conselleiro destacou que Galicia conta cunha “terra excepcional para a produción agrogandeira e forestal” e avogou porque cada un destes usos teña o seu debido encaixe no territorio.
Asimesmo destacou a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra, norma que se prevé levar ao Parlamento antes de fin de ano, e dixo que pretende tres grandes obxectivos: mobilizar grandes superficies en estado de abandono ou infrautilizadas, mediante os chamados polígonos agroforestais; fomentar instrumentos de xestión conxunta da terra sen afectar á súa propiedade, e favorecer unha gran axilización dos procedementos de arrendamento a través do Banco de Terras, unha ferramenta que, ademais, se reforzará con medios e persoal.
Ademais, o documento presentado hoxe recolle o número de operacións de compravenda e analiza a información a nivel local.
Accede dende este enlace ao Informe anual sobre prezos e mobilidade da terra rústica.