A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Bombal Díaz, presidiu hoxe o padroado da fundación CETAL, no que participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a xefa territorial da Consellería do Medio Rural, M.ª Olga Iglesias Fontal; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas Varela.
Nesta reunión aprobouse a substitución do cargo de director xeral da entidade. A proposta da presidencia do padroado (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), acordouse por unanimidade que o novo director xeral sexa Javier Bueno Lema. A incorporación efectiva será o próximo 1 de febreiro.
Javier Bueno Lema (Zas, 1965) é profesor titular da área de Enxeñaría Agroforestal na Universidade de Santiago de Compostela. Realizou os seus estudos de Enxeñaría Agrónoma na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo e é doutor enxeñeiro agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.
Lema é profesor da USC desde o ano 1991, onde ten impartido materias relacionadas coa mecanización agraria e forestal nas titulacións de Enxeñeiro Técnico Agrícola, Enxeñeiro Técnico Forestal, Enxeñeiro Agrónomo e Enxeñeiro de Montes. Foi vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo entre 2014 e 2018 e na actualidade exerce o seu labor docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
Previamente, o actual director, Andrés Hermida, presentou o estado de execución do Plan de Acción do CETAL para 2018 e a execución orzamentaria. Todos os membros do padroado coincidiron en agradecerlle os seus servizos á fronte da fundación e a posta en valor de todo o traballo realizado.