O número 2 de Vaca Pinta, dispoñible en castelán

Xa se poden consultar na hemeroteca desta web as edicións on-line en galego e en castelán do segundo número de Vaca Pinta, a nova revista técnica do sector vacún leiteiro.

Entre os contidos inclúese un amplo informe sobre o decreto dos xurros e a posición das comunidades autónomas ante a norma estatal, con entrevistas aos conselleiros do ámbito en Galicia, Asturias e Cantabria. Ademais, este número conta cun especial sobre a sementeira do millo forraxeiro –un total de nove artigos nos que se analiza en profundidade esta práctica agrícola desde diversas ópticas– e reportaxes das explotacións lácteas Torres SAT, da Coruña, e La Cumbre, de Córdoba.

ESPECIAL SEMENTEIRA DO MILLO FORRAXEIRO

A investigadora do CIAM María José Bande presenta os resultados da avaliación de variedades de millo forraxeiro en Galicia; Adela Martínez e outros integrantes do Programa de Investigación en Pastos e Forraxes do Serida mostran os resultados das avaliacións levadas a cabo en Asturias, e Jesús M.ª Mangado, do INTIA, fai o propio cos resultados dos ensaios levados a cabo en Navarra.

O profesor ad honorem da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC Amando Ordás aborda a importancia dos recursos fitoxenéticos e varios investigadores do CIAM explican como mellorar a eficiencia da fertilización nitroxenada nos cultivos forraxeiros, entre eles o millo.

No especial tamén se inclúe un estudo da tolerancia á seca en diferentes variedades de millo e as consecuencias que poden ter no seu rendemento. O tema é tratado por integrantes da Misión Biolóxica de Galicia, a Universidade de Vigo, a CODDEFFAGOLF (Honduras) e a Escola Nacional Superior Agronómica de Alxeria.

Gustavo García (Limagrain) expón os criterios técnico-económicos á hora de producir millo ensilado e Pablo Amado (Dekalb) pon o foco no concepto de “agricultura smart”.

O último artigo, autoría do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural, trata do uso sustentable de praguicidas e das técnicas alternativas ao seu uso no que se refire ao cultivo do millo forraxeiro.

SAÚDE ANIMAL E AGRICULTURA

Patricia de Celis e Christian Paniagua (Gescal Veterinarios SLP) asinan o artigo ‘Monitorización do secado para avaliar o uso de seladores internos utilizando o control leiteiro’ e Alexandre Udina (Adial) repasa as analíticas que se deben ter en conta á hora de realizar un estudo da fermentación do silo.

A PÉ DE PISTA E ACTUALIDADE

Na sección de ‘A pé de pista’ recóllense os resultados dos concursos morfolóxicos de Cataluña, Menorca (Baleares), Nuit de la Holstein (Bélxica) e Trofa (Portugal), así coma os prezos rexistrados nas poxas de Curtis (A Coruña), Santa Comba (A Coruña), Chantada (Lugo) e Boimorto (A Coruña).

Na de ‘Actualidade’, á parte da reportaxe sobre a nova normativa de xurros, recóllese un avance do Congreso anual da European Dairy Farmers, os premios ás mellores ganderías da Estrada e Forcarei (Pontevedra) e un resumo do XI Xornada Técnica de Produción de Leite de Africor Lugo.