O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria de Láncara preséntase en Madrid

A sede do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España en Madrid acolleu esta tarde a presentación do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), situado en Trasliste (Láncara, Lugo).

O acto comezou coa benvida de Javier Lorén Zaragozano, presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España, e a inauguración do encontro a cargo de Carolina Gutiérrez Ansótegui, subdirectora xeral de Dinamización do Medio Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Seguidamente, o promotor da iniciativa, presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e titular de Casa de Vázquez, casa de labranza onde está integrado o museo, Marcos Vázquez Marey, presentou o seu proxecto aos asistentes. 

A continuación, tivo lugar a mesa redonda `Entender o pasado, mellorar o futuro´, moderada por Javier Lorén, na que participaron Manuel Lage Marco, doutor en Enxeñaría Mecánica; Miguel Ángel Viso Diéguez, funcionario do Fondo Galego de Garantía Agraria; Ignacio Ruíz Abad, secretario xeral de ANSEMAT, e Eloy Galván García, exdirector de Same Deutz-Fahr Ibérica.

Durante a presentación houbo varias actuacións musicais e, finalizadas as intervencións, os asistentes foron convidados a unha degustación de produtos galegos de Casa de Vázquez.