O ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal do IES de Melide prepara unhas xornadas de alimentación animal en colaboración con Aira. Nelas, diferentes técnicos especializados acudirán ao centro para dar charlas sobre distintos aspectos relacionados coa temática do encontro, que se desenvolverá en dous días: o primeiro centrarase en conferencias, mentres que o segundo consistirá nunha saída de campo.
A primeira parte terá lugar no instituto o vindeiro xoves 15 de xaneiro, en horario de mañá. No encontro participarán algunhas empresas gandeiras e tamén o estudantado do IES de Arzúa do ciclo medio de Agropecuaria, ademais do alumnado do ciclo que organiza o evento.
José Luis López Salgueiro, responsable técnico de Alimentación de Aira, impartirá o primeiro dos relatorios ás 10:00 horas, que estará centrado en materias primas e alimentación animal. A continuación, afondarase no emprego de fertilizantes da man de José Manuel Rodríguez Medeiros, responsable de vendas de Aira. Logo dun descanso, o día remata coa exposición do técnico de Alimentación de Aira José María Viana, quen falará sobre o muxido robotizado.
O martes 20 de xaneiro levarase a cabo a segunda parte da xornada, cunha visita a unha granxa e á fábrica de pensos de Taboada.