O Goberno interésase polas capacidades da industria de sanidade animal para fabricar a vacina contra a covid-19

O Goberno contactou recentemente coa industria española de sanidade e nutrición animal, representada por Veterindustria, para coñecer os seus medios e posibilidades de fabricación en masa da vacina contra a covid-19. Así o anunciaron os representantes da asociación no seu último comunicado.

“Isto proba a extraordinaria importancia da aplicación do concepto One Health, xa que a saúde humana e a saúde animal están intimamente unidas e a solución a problemas como esta pandemia ten que ser o resultado da colaboración entre médicos, veterinarios, epidemiólogos, etc”, manifestaron.

Durante a súa comparecencia hai unha semana na Comisión de Sanidade para dar conta das liñas de actuación do seu departamento, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, xa adiantou que se iniciaran conversacións cos laboratorios de sanidade animal para “coñecer a súa capacidade e asesoralos nos pasos necesarios para conseguir os requisitos e poder obter a autorización de fabricación de vacinas de uso humano”.

Estas accións únense aos contactos mantidos durante as últimas semanas entre a industria española de sanidade e nutrición animal e a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), co obxectivo coñecer a dispoñibilidade da industria zoosanitaria para achegar a súa gran experiencia na produción a nivel industrial de vacinas.

Hai un total de seis os laboratorios asociados a Veterindustria con planta de fabricación de vacinas a nivel industrial en España, cun alto nivel tecnolóxico tanto en medios como en profesionais de alta cualificación. En total, se se teñen tamén en conta os medicamentos veterinarios farmacolóxicos, as empresas asociadas contan con 29 plantas de fabricación no noso país.