O verán de 2025 quedará marcado como un dos máis devastadores na historia recente da península ibérica en termos incendiarios. A vaga de lumes coincidiu con temperaturas extremas e unha seca prolongada, o que converteu en brasas milleiros de hectáreas en Galicia, Castela e León, Estremadura e Portugal. As escenas de veciños vixiando con preocupación o avance do lume, de bombeiros forestais e membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME) rodeados de lapas e de montes outrora verdes e frondosos, convertidos en paisaxes ennegrecidas, foron habituais durante as semanas centrais de agosto.
Pasadas as lapas, pasou a noticia, pero cremos que aínda é tempo de escarvar na superficie deste problema para chegar á orixe da cuestión: que arde, por que arde e como evitar que volva arder.
Os datos oficiais confirman un patrón claro: os grandes incendios forestais concéntranse nas zonas de maior abandono agrario, onde se acumula unha biomasa continua de matogueira e plantacións forestais sen apenas xestión. Alí, nese deserto verde, o lume atopa o combustible perfecto para avanzar sen control.
En contraste, os mosaicos agroforestais activos, os pastos con gandería extensiva ou os montes veciñais con uso real amosaron maior capacidade de resistencia. Esa comparación obriga a repensar as prioridades: a extinción segue a ser imprescindible, pero resulta insuficiente se o territorio permanece desatendido.
Neste traballo, propoñémosvos mirar máis aló da emerxencia e situar o territorio vivo como a primeira liña de defensa. Para iso, abordamos as claves do que arde e do que resiste, o valor da gandería como ferramenta de xestión, o papel dos montes veciñais e a urxencia de revitalizar un medio rural que, doutro xeito, será cada vez máis vulnerable. As voces do catedrático Manuel Marey e do veterinario ourensán Pablo Óscar González guíannos neste percorrido que, se ben ten unha óptica en clave galega, é claramente extensible a moitos outros territorios.
Agora que as choivas e o frío comezan xa a borrar o recordo das lapas, semella especialmente importante que non esquezamos este verán negro para o noso medio rural. Quizais así sexamos quen de aprender algo do acontecido.
HISTORIA DO AVANCE DO LUME
“Se para algo serviron estes incendios, espero que fose para decatarnos de que a gandería e a agricultura extensiva son parte da solución”, di Manuel Marey, catedrático da Área de Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Grupo de Investigación ProEPLA, ao preguntarlle pola vaga incendiaria deste verán.
Antes da finalización da campaña de 2025, os rexistrados ata finais de agosto en Ourense xa permitían establecer comparacións coas grandes vagas anteriores. “Con respecto ás que levamos analizadas —1989, 2005, 2006, 2017 e 2022—, os incendios de agosto de 2025 poderían ser os máis típicos desde o punto de vista espacial e temporal”, explica.
En 1989, os lumes afectaron áreas pouco habituais e máis tardías no calendario. En 2006 concentráronse en apenas unha semana e en territorios sen tradición incendiaria, ligados ao eixe da AP-9, na Coruña e Pontevedra. En 2017, a vaga golpeou Pontevedra, pero cunha anomalía temporal ao producirse en outubro. E en 2022, concentráronse no Courel e Valdeorras, cunha orixe fundamentalmente natural: treboadas secas.
Por contraste, os lumes deste verán encaixan no esperado desde a análise estatística. “Aquí si que nos atopamos cunha zona na que tradicionalmente había incendios e no momento do ano en que normalmente acontecen. Podemos dicir que esta vaga responde ao patrón estatístico común desde que hai datos”. Iso si, Marey advirte dunha diferenza: en décadas pasadas eran máis, pero de menor dimensión.
AS CAUSAS DA ACTIVIDADE INCENDIARIA
A análise histórica revela unha forte actividade incendiaria en Galicia, aínda que cun cambio de tendencia a partir de 2006. As causas son múltiples e van desde as neglixencias de particulares pouco cautos ata orixes claramente intencionados. “Máis alá daqueles que son froito de accidentes, basicamente temos que falar de incendios provocados, non de pirómanos. A piromanía é unha doenza mental e en realidade hai moi poucos casos de pirómanos forestais. O que si que hai son incendiarios”.
O perfil do incendiario responde a motivacións concretas: “Pode ser un interese por xerar unha actividade beneficiosa para el, asociada ao pasto ou á caza. Ou simplemente porque é unha forma de protestar ante calquera circunstancia: unha sentenza xudicial ou un problema coa Administración ou con veciños”.
AS ZONAS MÁIS SUSCEPTIBLES DE ARDER
O risco de incendios está presente en toda Galicia, pero non afecta por igual a todas as partes. Marey remarca que “todos aqueles espazos abandonados, sen xestión, onde o territorio non está acondicionado polo ser humano e, sobre todo, aqueles nos que non se tomou conciencia do risco de incendios, serían os máis perigosos”.
A abundancia de masa vexetal, favorecida polo clima e o solo, constitúe unha vantaxe produtiva, pero tamén un perigo se falta actividade agraria ou gandeira. “A medida que retiramos o ser humano da xestión, Galicia segue xerando biomasa de forma descontrolada. Aí é onde existe a maior problemática”, explica o investigador.
Os datos confirman esta tendencia: cada vez hai menos superficie xestionada. “En Galicia, se analizamos calquera índice de Gini espacial, observamos que as zonas de actividade territorial cada vez son máis pequenas. Estamos deixándolle á natureza grandes superficies e todas elas teñen un serio problema de xestión contra incendios”.
Alén da comunidade galega, o fenómeno concéntrase nun amplo corredor interior da península ibérica. “É a parte máis abandonada que, á súa vez, ten a peculiaridade de xerar biomasa”, sinala Marey. A combinación de abandono, solo fértil e clima propicio multiplica o risco.
Este territorio, que abrangue o interior de Portugal, Estremadura, Zamora, Salamanca, Ourense e parte do sur de Asturias, foi historicamente unha das áreas máis pobres. Como consecuencia, van avanzando o proceso, son como indicadores adiantados do que pode ocorrer noutras rexións”.
CAMBIOS NOS SISTEMAS DE MEDICIÓN: O VALOR DO QUEIMADO
A forma tradicional de medir os incendios forestais baseouse en dúas variables: número de lumes e superficie afectada. Porén, Marey considera que ese enfoque quedou desac-tualizado. “Os incendios dende xa deberíanse estar medindo en valor do queimado. En valor ambiental, social e económico”, sinala.
Antes de planificar a xestión é necesario poñerlle cifras ao territorio: “Primeiro, temos que valorizalo, saber, sobre ese triplo compoñente, canto vale cada zona concreta. Despois hai que analizar como lle impacta un incendio”. Factores como a hora do día, a temperatura ou a humidade relativa determinan a intensidade da chama e, daquela, o alcance do dano.
Tamén é importante lembrar que os lumes forman parte da ecoloxía do territorio desde hai millóns de anos. “Estamos vivos grazas aos incendios. Cando no Carbonífero se produciron, o osíxeno na atmosfera baixou e, consecuentemente, non nos oxidamos e podemos ter vida”. Esa dimensión histórica non evita, porén, o rexeitamento social ás paisaxes calcinadas. “Non obstante, insisto en que non todo o que arde vale igual: temos que ver que hai territorios que, aínda que ardan, e se arden dunha determinada forma, os valores non se ven menoscabados. Por isto é polo que hai que empezar a traballar para que non sexan as hectáreas a única unidade de medida, senón o valor e o risco de incendio”, remarca.
SON OS PLANS DE PREVENCIÓN A SOLUCIÓN?
“Non podes facer un plan de prevención de incendios forestais sen partir da realidade. Iso é un sen sentido”, afirma. A raíz do problema non se resolve unicamente con máis medios de extinción nin con plans técnicos desconectados do contexto.
Para o investigador, a clave está en recuperar o vínculo da sociedade co seu territorio. “Temos un risco claro de incendios que en boa medida está ocasionado polo abandono, e tamén por un vector que é o cambio climático, que favorece as ventás de oportunidade para que xurdan”, explica.
Reverter isto esixe unha transformación cultural. “Durante xeracións acostumámonos a vivir de costas ao medio rural. Cultivar as terras era algo que, en xeral, non estaba ben visto socialmente. E agora isto é o que temos, un territorio que responde a ese deixamento”. A solución pasa por devolverlle valor produtivo: definir que zonas se aproveitan, como se aproveitan e, dentro desa xestión, integrar a compoñente de risco de incendios.
Iso implica introducir áreas de ruptura que impidan lumes inabarcables. “Si, imos facer agricultura, silvicultura e/ou gandería, pero con zonas que permitan que non supere ningún incendio unha determinada superficie: 500 hectáreas, 1.000, 2.000…”. Os plans de prevención, nese marco, serán útiles e eficientes. Doutro xeito, limítanse a “consumir recursos para manter un enfermo latente”.
Marey utiliza un símil contundente: “Se non temos en conta a compoñente social e territorial, o que facemos é maquillar un cadáver”. O compromiso debe ser compartido: propietarios que volvan valorar as súas terras e sociedade urbana que entenda que o territorio non é só paisaxe, senón fonte de produción. Só a partir de aí terá sentido elaborar plans contra incendios, pragas ou outros riscos.
O OUTRO MELÓN: A CONTAMINACIÓN DERIVADA
Á traxedia ambiental súmase a contaminación derivada. Nos últimos anos, Europa puxo o foco na redución de emisións e na captación de CO2. Porén, os lumes forestais cuestionan directamente estes obxectivos. “Durante os incendios o que se está queimando é madeira, e a madeira é celulosa formada por átomos de carbono. Eses átomos saen á atmosfera, logo estamos emitindo unha cantidade inxente de CO2”, advirte Marey. “Todo o esforzo de acumulación de CO2 que estamos realizando ponse en dúbida cando esa masa que o captara arde. A emisión é directa e volve de novo á atmosfera”, destaca.
Ademais da pegada climática, existe un impacto inmediato na saúde humana. “No momento do incendio, sempre que o fume acade cotas baixas, pode afectar á poboación”, lembra o investigador. Aínda que adoitan ser episodios puntuais, as persoas con patoloxías respiratorias son as máis expostas. Medidas preventivas coma máscaras ou permanecer en interiores axudan a mitigar os efectos, pero non eliminan o problema de fondo: a enorme cantidade de gases liberados en pouco tempo. Un recordatorio incómodo de que o lume non só arrasa chans e bosques, senón que tamén compromete a calidade do aire que respiramos.

A XESTIÓN DO TERRITORIO E O PARADOXO DO LUME
“Todo uso agrícola do territorio será mellor que unha queima controlada”, apunta Marey. O modelo ideal sería unha “estrutura en mosaico” onde convivan usos agrícolas, gandeiros e forestais. Neste esquema, a xestión das masas forestais resulta clave: “Calquera masa forestal xestionada é moito mellor fronte ao lume que a non xestión e o crecemento de biomasa, aínda que esta estea formada por especies que se consideraban máis nobres (críase que eran máis resistentes ao lume, pero demostrouse que non é así)”.
O lume técnico, en forma de queimas controladas, só tería sentido como alternativa secundaria. “O problema vai permanecer, porque non deixa de ser unha técnica de eliminación de biomasa. Evidentemente, se esas queimas controladas van para xerar pasto para a gandería, mellor que mellor. Sería o segundo chanzo”.
A peor opción, advirte, é a inacción. “O que ocorre en moitos lugares é que non se actúa, o que se chama o ‘paradoxo do lume’. Non fas nada, acumúlase biomasa, non arde un ano, nin dous, nin tres… ao cuarto ou quinto tes unha acumulación enorme e xorde un lume que a xestiona co seu estilo: eliminándoo todo e xerando grandes incendios con comportamentos violentos”.
O LABOR DOS TÉCNICOS Á FRONTE DA XESTIÓN DE INCENDIOS
O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia conta con persoal altamente cualificado e experimentado. Marey destácao sen reservas: “Está composto por profesionais dun grandísimo nivel. Son xente formada aquí, na EPSE de Lugo, con máis de 20 anos de experiencia en incendios e que dispón de aplicacións informáticas número un a nivel mundial. Non creo que hoube- se ninguén que os xestionase mellor nese contexto”.
Para el, o problema non reside na capacidade técnica, senón no desfase entre o sistema, deseñado nos anos noventa, e a situación actual. “Naceu para unha realidade territorial, incendiaria e social que cambiou. Ademais, non toda Galicia se comporta da mesma maneira”, advirte.
O reto pasa por un cambio de enfoque: “Os incendios do presente e do futuro teñen que ser xestionados doutra forma. Con servizos de defensa máis dinámicos, máis rápidos, cunha planificación estratéxica”.
Ese novo paradigma implica asumir que non todos os lumes poden ser combatidos de inmediato. “Temos que acostumarnos a que vai arder máis superficie e temos que deixar arder para despois poder combater ese incendio. Aquí o noso servizo fai un combate operativo, cada vez que hai un incendio vai apagalo con todos os medios. Iso era factible noutro contexto. Hoxe por hoxe, non o é”.
Marey defende un plan estratéxico, xerarquizado e flexible, capaz de decidir cando intervir e como. Esa transición, xa en marcha noutros países, é para el ineludible se se quere estar preparados para os incendios vindeiros.
DEVOLVERLLE AO TERRITORIO O SEU VALOR
É evidente que, para Marey, a clave da cuestión pasa por devolverlle valor ao territorio. “Non pode ser que unha parcela que durante séculos permitiu alimentar xeracións, de repente en dúas xeracións non valla para nada. Aí está o erro”.
A resiliencia fronte aos incendios, sostén, está ligada a esa capacidade de xerar riqueza e emprego. Canto maior sexa a actividade económica e social, menor será a vulnerabilidade do monte. O contrario, advirte, é aceptar un “deserto verde abandonado”, destino que considera nefasto para Galicia e que, ademais, “non vai existir, porque ano tras ano imos ter incendios que se van cargar esa paisaxe verde, chea de frondosas, que determinados colectivos semella que consideran que é o que ten que haber aquí. Pois miren: nin nunca o houbo, nin o vai haber”.
Marey matiza que Galicia nunca estivo tan arborada como agora. Pero boa parte desa masa forestal non responde á planificación, senón ao abandono. “Moitos si son consecuencia dunha actividade silvícola e dunha industria que demanda, pero hai centos de miles de hectáreas arboradas por desuso. Iso non son bosques de frondosas fermosos; son terras abandonadas hai 5, 25 ou 50 anos. E o abandono nada xera, só máis abandono e máis problemas”.
OS INCENDIOS, O SÍNTOMA DUNHA DOENZA MULTIFACTORIAL
A recuperación, sinala, require liberdade para os xestores e propietarios, e un marco que incentive a diversificación. Así mesmo, advirte contra solucións simplistas que buscan unha causa única do problema. “Os incendios non son unha doenza, son un síntoma. A doenza é social, territorial e de poboación, e maniféstase cando se queima a superficie e non somos quen de apagar ese lume, porque xa non temos unha sociedade que o poida facer nin un territorio que o resista”.
Neste sentido, rexeita explicacións reducionistas como atribuír os incendios á presenza de determinadas especies vexetais. “Oxalá fose que hai demasiado eucalipto. Se fose ese o problema, xa teriamos a vacina. Pero non o é. Non é que sexa desta especie ou da outra, ou dos gandeiros. Son moitas máis cousas as que realmente inciden nesta problemática”.
Revitalizar o territorio, devolver actividade e frear a expansión das terras en desuso son os puntos esenciais para escapar dese deserto verde que, mentres non arda, non deixará de aumentar o seu volume.
A TRAMPA DA LEXISLACIÓN: NORMAS AFASTADAS DA REALIDADE
A lexislación española en materia de medio ambiente e medio rural é, quizais, un reflexo de moitos dos problemas de xestión que agravan a vulnerabilidade do territorio fronte aos incendios. “A nosa lexislación cumpre todos os requisitos que se critican normalmente: é profusa, confusa e difusa. Hai ás veces demasiada ansiedade por lexislar”, sinala o catedrático da USC.
Advirte de que o exceso normativo se traduce en leis “moi prohibitivas” que, en lugar de incentivar o coidado da contorna, acaban provocando unha perigosa inactividade. Pon como exemplo a declaración dun espazo natural protexido: “O lexislador, quero pensar que con boa fe, nese ‘protexido’ supón que coida algo fronte a determinadas actividades que poden menoscabar ou destruír ese valor. Pero normalmente o que xera é inactividade. E esa subexplotación e esa falta de actividade normalmente lévanos a un problema que no caso dos incendios é patente”.
As áreas protexidas adoitan xestionarse peor desde o punto de vista práctico. Falta acción directa: rozas, retirada de material combustible ou aproveitamentos produtivos que reducirían o risco. A consecuencia é o que define como un “proceso de Dióxenes natural, onde se garda todo, consérvase todo”. Cando chega o lume, ese exceso de biomasa incrementa a intensidade dos incendios e multiplica o seu impacto, especialmente sobre o solo.
O problema non radica tanto na falta de leis coma na súa desconexión coa realidade da zona. “Moitas veces lexíslase desde moi lonxe do territorio. Establécense uns principios e uns criterios que poden resultar de lecturas de documentos científicos ou de ideoloxías que tratan de protexer algo que moitas veces non existe ou non é como eles consideran”. As normas deberían ser máis razoables e deseñarse para as realidades locais.
O catedrático tamén alerta contra a tendencia a lexislar “en quente”. Lembra que, no pasado, se aprobaron restricións inmediatas que penalizaron a gandería extensiva tras vinculala aos incendios. “Limitouse a capacidade de volver utilizar como pasto terreos queimados e, ao mesmo tempo, as axudas asociadas a eses pastos se ardían. Nun intento por frear a actividade penalizouse a un colectivo sen probas”. Co tempo, lembra, demostrouse que a gandería extensiva non só non é o problema, senón que pode ser parte da solución.
UN PROBLEMA TRANSVERSAL
O fenómeno non é exclusivo de Galicia, nin da península. Marey lembra que algo moi semellante está a ocorrer, por exemplo, na China, onde a expansión do abandono rural e forestal está detrás da súa vaga de incendios. “Este verán un profesor da Universidade de Hong Kong publicaba en Science un artigo que describía a evolución do problema dos incendios alí. E se cambias A China por Galicia, tería o mesmo resultado”.
DESCONEXIÓN ENTRE TÉCNICOS, POLÍTICOS E A SOCIEDADE
Outro dos grandes atrancos para afrontar o problema dos incendios e a xestión do territorio é a aparente falta de comunicación entre quen xera coñecemento, quen lexisla e quen vive no medio rural. Manuel Marey resúmeo con contundencia: “Hai desconexión en xeral. Iso é un problema difícil de resolver e bastante común a nivel mundial. Os ámbitos científicos, por diferentes razóns, teñen as súas propias lóxicas onde priman a eficiencia e a eficacia. E despois os ámbitos económicos, administrativos e a sociedade en xeral teñen as súas”.
O catedrático recoñece que, a pesar dos esforzos por transferir coñecemento desde a universidade e os centros de investigación, os resultados son aínda insuficientes. “Realmente, esas transferencias non deixan de ser un tanto escasas”, admite. Ao seu xuízo, o que falta é un organismo intermedio que conecte a investigación coa práctica.
Nese sentido, móstrase especialmente crítico coa desaparición do Servizo de Extensión Agraria, que exercía esta función. “Ese era o mecanismo que vinculaba o que se facía no territorio co que saía dos lugares onde se xeraba o coñecemento científico e técnico. Esa, lamentablemente, en España, e máis aínda en Galicia, é a gran ligazón perdida”.
Para este investigador, a clave estaría en recuperar figuras profesionais estables, con vocación pública, que acompañen aos agricultores e gandeiros na resolución de problemas concretos. “Un funcionario público que diga: ‘Vale, pois a isto póñome eu, e vou destinar cinco, dez ou vinte anos da miña vida a darlle resposta a este problema’”.
A deterioración da transferencia en España é, para el, unha ferida aberta. “Non pode ser que non exista un organismo de extensión agraria que si existía ou que non haxa un instituto nacional de investigacións agrarias; non pode ser que centros como os de Lourizán ou Mabegondo se atopen no estado no que están nin que todo o noso servizo de transferencia estea como está. E dígoo, evidentemente, desde a dor. Porque o tiñamos e perdémolo”. Marey asume mesmo parte da responsabilidade colectiva. “Quizais somos todos un pouco responsables, eu tamén me fago cargo. Non digo que isto sexa culpa dun político ou doutro, fomos nós os que perdemos iso. É un fracaso da nosa xeración”.
O CASO OURENSÁN: O 13 % DA PROVINCIA, ARRASADA
Pablo Óscar González Prieto, veterinario clínico especializado en gandería de carne, exerce desde hai case tres décadas na comarca oriental de Ourense —Viana do Bolo, Vilariño e Manzaneda—, territorio que coñece ben desde neno.
“O ocorrido este ano supera todo precedente; foi unha situación totalmente inédita e moi sincronizada”, explica. A provincia viña dun inverno e primavera de choivas abundantes que se prolongaron ata xuño. Despois chegaron temperaturas de 40 graos e unha acumulación masiva de vexetación nos montes. “Había moita biomasa, moito arbusto e crecemento moi alto”, resume. Ese escenario, combinado coa calor extrema, desencadeou unha vaga explosiva: “Houbo días de 39 incendios forestais, foi unha tolemia”.
A magnitude foi devastadora: “Falábase dunhas 100.000 hectáreas en toda a provincia de Ourense”, lembra. A zona próxima ao encoro do Cenza e o macizo central ourensán resultaron especialmente castigados. Só a acción veciñal, o traballo de brigadas e a infraestrutura despregada permitiron salvar algúns núcleos de poboación. “Houbo aldeas que quedaron no límite”, recoñece.
Algunhas áreas lograron saír indemnes grazas ao pastoreo de vacún de montaña, que mantén abertos os pasteiros e ofrece vixilancia diaria. “Foi a presenza dos gandeiros o que protexeu esas zonas”, sinala. Con todo, atribúe boa parte dos terreos intactos tamén ao azar. Ao seu xuízo, este verán Ourense viviu “unha situación excepcional e moi esaxerada” que dificilmente poderá esquecer.
FERRAMENTAS DE XESTIÓN
En Ourense estímase que entre o 70 e o 80 % da superficie forestal pertence a propiedades rurais, entre elas montes comúns e pequenas fincas privadas. Para González, o monte común é “unha boa ferramenta de xestión”, aínda que advirte que o seu aproveitamento real é limitado. “Moitos comuneiros nin saben onde está o monte común”, expón, apuntando a unha lexislación obsoleta e á falta de uso efectivo.
A gandería revélase como a verdadeira peza clave. “Os animais actúan como rozadoras naturais, achegan fertilizante e a súa pisadura é inherente á actividade gandeira”, explica. A isto súmase a vixilancia diaria que exercen os pastores, fundamental para reducir riscos. “É un labor imprescindible”, insiste.
A provincia combina explotacións moi diversas, desde pequenos rabaños de tres ou catro vacas que manteñen prácticas tradicionais —coidar os prados, fertilizalos e limpalos— ata sistemas extensivos con centos de cabezas. Este modelo máis recente, consolidado nos últimos quince anos, aproveita razas rústicas e autóctonas, como as morenas do noroeste, adaptadas ao monte baixo. Tamén entraron en xogo razas foráneas como a blonde de Aquitania ou a limusina.
Na serra de Queixa consérvase ademais o costume de trasladar o gando na primavera ás zonas altas, onde permanece ata o inverno. “A serra de Manzaneda está coidada de pasto precisamente por ese uso gandeiro”, apunta González. Esa combinación entre cultura tradicional e novos manexos extensivos constitúe, ao seu xuízo, unha das fortalezas do territorio: un mosaico de prácticas que, ben coordinadas, poderían converterse nunha valiosa ferramenta de prevención de incendios.
CAUSAS E RESPONSABILIDADES
Os incendios que arrasaron Ourense este verán teñen unha orixe complexa, na que conflúen múltiples factores. Porén, para este veterinario hai un elemento que prevalece por riba de todos: a acción humana. “Hai que atender o que planta, ao que prende lume. Eu sempre digo que estou seguro de que o 99 % son provocados”.
Ese “99 %” ao que se refire en-globa tanto os lumes intencionados coma as neglixencias: rozas mal executadas, grelladas en pleno verán ou descoidos que acaban converténdose en desastres. De aí que González insista en dous aspectos clave: “O fundamental é que teñen que aumentar as penas e a vixilancia”.
No seu diagnóstico tamén pesa o abandono rural. Onde antes había actividade constante e pasos abertos no monte, hoxe dominan o desuso e a vexetación descontrolada. “Antigamente queimábase para que puidese andar o pastor pola serra, porque, se non, era inviable. Hoxe hai ese condicionante dobre: hai pouca xente no rural e os camiños están sen limpar, porque non hai quen os use”. O resultado é unha acumulación de masa forestal que multiplica o risco e complica as tarefas de prevención primeiro e de extinción despois.
González non dubida en sinalar a necesidade de corresponsabilidade: “Creo que as obrigas as temos todos. Os que traballan en servizos públicos, evidentemente, terán a súa, pero o resto da sociedade tamén. Se eu teño fincas particulares e non teño mecanismos para limpalas, pois teño a miña responsabilidade”. Na súa opinión, o territorio debe deixar de percibirse coma algo alleo: “O monte non é dun pobo ou doutro, é de todos. É unha herdanza que estamos deixando e que non se pode consentir que se perda”.
SE VES LUME, CHAMA
Durante a entrevista con González, en pleno percorrido por unha das zonas máis castigadas polo lume, en Vilariño de Conso, activáronse tres focos e foi necesario chamar ao 085. En apenas quince minutos, dous helicópteros xa traballaban na extinción. A eficacia do operativo lembrou a importancia da colaboración cidadá para impedir o avance das lapas.

FRONTE A USOS PARTIDISTAS, A EXEMPLARIDADE DE VECIÑOS E PROFESIONAIS
Para sorpresa de ninguén, a xestión dos incendios non escapa á polarización política, algo que González lamenta profundamente: “Estamos nunha situación actual na que todo se utiliza como arma política e non debería ser así. Iso faise con frecuencia, dá igual se son os incendios ou calquera outro motivo”.
No medio desa utilización partidista, o veterinario rescata unha imaxe moi diferente: a intervención colectiva. “Vin a moitísima xente implicada, vin as aldeas como piñas defendendo o seu territorio. Vin as brigadas deixando a súa pel, as cousas como son”. Tamén destaca o papel da UME: “Para min foi unha garantía absoluta de seguridade, porque tiñan comunicacións, loxística, xerarquía… deume moitísima tranquilidade”.
Mais non todo funcionou. A caída das telecomunicacións deixou os veciños das zonas afectadas illados no peor momento: “Durante tres días estivemos sen telefonía nin móbil nin fixa, sen poder comunicarnos, e iso nunha situación de risco é moi duro”. Unha carencia que, máis alá de responsabilidades puntuais, debería servir de lección para o futuro”.
DIGNIDADE E RECOÑECEMENTO PARA O RURAL E PARA OS QUE O HABITAN
O gran reto é o recoñecemento do mundo rural como piar básico da sociedade. “En países como Francia, Irlanda, Italia ou Suíza as ganderías valóranse dun xeito primordial como sector primario. Aquí temos esa materia pendente. En moitas zonas condenouse este sector, estamos castigándoo demasiado, cando deberiamos apoialo moito, porque é fundamental para o consumo de alimentos”.
Este veterinario apunta que esta falta de recoñecemento se traduce en dificultades engadidas para quen desenvolve a súa actividade en territorios illados, como o interior de Ourense. Sente que as políticas actuais apenas cheguen aos que sosteñen a vida cotiá no campo. “Cando se fala do rural —eu sempre digo o ‘rural rural’, os que estamos a máis de 120 quilómetros da capital de provincia—, hai que ter presente que, mentres non teñamos cubertas as necesidades básicas, isto está condenado ao abandono”. Educación e sanidade marcan a diferenza: fillos que deben estudar lonxe e enfermos obrigados a percorrer máis de 150 quilómetros ata un hospital de referencia son exemplos cotiáns dos motivos que imposibilitan a proxección real dun futuro persoal e profesional no agro.
A falta de comunicacións, e a falta de interese por instauralas, manteñen esa fenda ben aberta. “Aquí, por exemplo, estiveron 25 anos coas obras do AVE, con 86 quilómetros de túneles e un feixe de viadutos, e agora vemos pasar o tren sen que pare. Mentres iso non se solucione, permanecer no rural será cada vez máis difícil”, expón González.
Non hai dúbida de que reducir esa distancia, literal e metafórica, entre o urbano e o rural emerxe coma un deber inaprazable. O futuro verde ao que aspiramos todos non pode basearse na expansión descontrolada da vexetación en áreas abandonadas, senón nun equilibrio entre natureza e xestión humana. A resposta non está só en máis medios de extinción, senón na promoción dun territorio vivo, con xente que queira e poida quedar nel e que axude a construír esa primeira liña de defensa contra catástrofes como a vaga incendiaria deste verán que, hai que telo presente, empezou moito antes de que se desatase o lume.
O TRABALLO VETERINARIO DURANTE AO AVANCE DO LUME
O labor de Pablo como veterinario rural non parou durante os incendios. Nas imaxes cedidas, documentou o avance do lume en zonas de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, así como en San Miguel de Bidueira (Manzaneda), lugar da casa da súa familia materna. "A fotografía de noite é no encoro do Bao. Tiven que pasar por alí para atender un parto e o resplandor daba verdadeiro medo", describe.
