José González visitou hoxe a cooperativa Aira, no concello de Taboada, e alí aproveitou para animar os gandeiros e os agricultores galegos a unirse, en calquera modalidade, para ser máis fortes e competitivos. En concreto, o titular do Medio Rural explicou que o feito de estar integrado nunha cooperativa, ou calquera outra fórmula, dá facilidades á hora de negociar factores como os prezos de venda coas industrias ou dos insumos cos provedores.
Precisamente, segundo explicou González, estes procesos de fusión teñen moito que ver coa reestruturación do modelo produtivo que está a vivir o lácteo galego, baseada na integración daquelas granxas máis pequenas noutras sociedades maiores. De feito, o conselleiro lembrou que preto de 800 explotacións individuais pasaron a integrarse en sociedades nos últimos cinco anos.
Así, o conselleiro trasladou que só no mes de xaneiro se produciron máis de 231.000 toneladas de leite en Galicia, un 0,56 % máis que o ano anterior. Un dato aínda máis destacable se se compara coas cifras estatais, onde a produción baixou máis dun 1,8 % neste último mes. No que se refire ao balance anual, explicou que a produción de leite en Galicia en 2018 chegou a superar os 2,7 millóns de toneladas, o que supón un incremento do 3 % respecto a 2017 e de ata un 5,2 % sobre 2016.
Cooperativa Aira
Durante a visita, o máximo responsable de Medio Rural puxo a Aira como exemplo polo seu bo facer. Neste sentido, lembrou que esta cooperativa naceu da fusión doutras cinco que, á súa vez, xurdiron da unión doutras máis pequenas.
Actualmente, Aira está composta por 2.250 socios que, na súa maioría, se dedican á produción de leite, aínda que contan con algunhas explotacións de porcino, avícolas e de horta. Contan con 235 traballadores directos e 15 centros de traballo entre almacéns, supermercados, parques de maquinaria, talleres e gasolineiras. Por todo isto, o conselleiro sinalou que este “é o camiño que temos que seguir en Galicia”.