O conselleiro do Medio Rural visita o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria en Láncara

O  Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria, Muvicla, localizado na casa de labranza Casa de Vázquez, de Trasliste (Láncara), recibiu esta mañá a visita do conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González.

No acto, José González trasladou a aposta da Xunta pola “modernización do sector e a mellora da súa competitividade”, sinalando que “temos que seguir incentivando o enfoque empresarial da actividade agrogandeira, baseada en conceptos como a optimización dos recursos dispoñibles, a calidade ou o asociacionismo”. Nesa dirección, asegurou que o rural galego ten futuro, pero que “ese porvir tense que cimentar no coñecemento e o respecto polo seu pasado, e pola confianza e o traballo no presente”.


"É exemplo de dinamismo no noso rural, xa que recrea a nosa tradición agraria, neste caso vinculada á maquinaria, para poñela en valor"

Deste xeito, o conselleiro quixo poñer o Muvicla como “exemplo de dinamismo no noso rural, xa que recrea a nosa tradición agraria, neste caso vinculada á maquinaria, para poñela en valor e, polo tanto, proxectarnos no presente e cara ao futuro”. Destacou, así mesmo, que este é un museo “vivo e integrado” no que se amosa unha especial “sensibilidade polo rural no seu conxunto”.

Pola súa banda, Marcos Vázquez describiu a iniciativa como “unha humilde achega para ensinar o que foron os nosos antepasados e conectar e reflexionar sobre a potencialidade do sector rural” e enumerou as tres liñas museísticas dispoñibles “un paseo pola historia en tractor, o tratamento da forraxe e do cereal nos últimos 150 anos en Galicia e Europa e unha colección grande de miniaturas de maquinaria agrícola de todos os tempos”.

Ademais do museo, en Casa de Vázquez contan cunha explotación dedicada fundamentalmente á produción de carne de vacún ecolóxica con animais de diversas razas (rubia galega e caldelá, entre outras) cunha dobre certificación de Ternera Gallega Suprema e Ecolóxica, están integrados na Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira Río Neira e producen tamén mazá en ecolóxico, mesmo foron dos primeiros en Galicia en certificarse como ecolóxicos no ano 1999, un feito que foi destacado por José González como demostración da súa aposta pola diversificación e por un rural vivo e rendible.

 

VISITAS AO MUSEO

As visitas pódense facer calquera día do ano, sempre con concertación previa. As reservas poderán realizarse a través da páxina web www.muvicla.eu, do correo electrónico vazqueztrasliste@hotmail.com ou do teléfono 619 38 90 69.