O Cetal e a Inlac asinan un convenio xeral de colaboración

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) e a Organización Interprofesional Láctea (Inlac) asinaron un convenio xeral de colaboración que ten como obxectivo principal guiar as actuacións e as relacións de colaboración entre as dúas entidades.

Un dos seus fins prioritarios é potenciar o coñecemento, a transparencia, a valoración e a visibilidade do sector lácteo como colectivo integrado, así como a dos produtos lácteos e a dos mercados en que se comercializan.

O convenio propón, ademais, identificar e aplicar solucións técnicas e tecnolóxicas para atender as necesidades prioritarias do sector, entre as que se destacan a necesidade de evolucionar cara a un novo modelo sectorial máis competitivo, o incremento do valor engadido dos produtos lácteos, a procura da estabilidade dos mercados e o equilibrio da cadea de valor, a recuperación de cotas de mercado para os produtos lácteos e a valorización e defensa da imaxe do sector lácteo e dos seus produtos.

Identifícanse cinco áreas prioritarias de colaboración no sistema de información sectorial, na recuperación dos mercados lácteos, en proxectos de I+D+i, no sistema de contratos lácteos e no sistema de extensión de norma.

Á firma do convenio asistiron, en representación da Inlac, o seu vicepresidente, Xosé Manuel López Tellado, e en representación da Fundación Cetal F.S.P., o seu director xeral, Javier Bueno Lema.

Inlac é a organización interprofesional que engloba todo o sector lácteo de España. Os seus membros representan a rama de produción –ASAJA, COAG, UPA e Cooperativas Agro-Alimentarias de España– e a rama transformadora (ou industria) –FENIL e Cooperativas Agro-Alimentarias de España–. INLAC é o instrumento fundamental de interlocución e vertebración entre os axentes da cadea láctea e constitúese como o foro estable de discusión entre os seus membros, respectando os ámbitos de actuación propios das organizacións que a compoñen.

O Cetal é unha fundación do sector público de carácter estatal adscrita ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que ten como principal obxectivo a investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) no sector agroalimentario a través da promoción, o impulso e o apoio do desenvolvemento tecnolóxico do sector e a mellora do coñecemento científico e técnico en materia agroalimentaria.