O Centro Recría Castro, especializado na recría de xatas de vacún de leite dende o ano 2018, acolleu durante o mes de outubro a visita práctica de estudiantes de segundo curso da Facultade de Veterinaria de Lugo. Acompañados polos profesores da Área de Produción Animal Ignacio García e Ramiro Fouz, os alumnos foron atendidos polo xerente, o veterinario Rogelio Grille, que realizou visitas guiadas conxuntamente co profesorado. Así, os alumnos puideron coñecer como se desenvolve o proceso de cría e recría das xatas que acuden a este centro, referente a nivel nacional na recría de vacún de leite.
Esta colaboración permite que o alumno coñeza esta actividade e poida observar de primeira man as peculiaridades do manexo e alimentación deste tipo de animais, o que repercute nunha mellor formación dos futuros veterinarios.
O Centro Recría Castro ten unha concesión da Deputación Provincial de Lugo para xestionar o centro de recría e dende hai dous anos leva criando xatas para ser futuras vacas de leite nas ganderías da provincia de Lugo. A día de hoxe, as súas instalacións están prácticamente ao 100 % de ocupación, o que supón un total de 2.700 animais, distribuidos en distintos lotes, o que permite axustar a alimentación e o manexo ás distintas necesidades de cada etapa de crecemento.