O autobús da “Xeración Láctea” fai parada en Santiago de Compostela

A Organización Interprofesional Láctea (Inlac) presentou hoxe en Santiago de Compostela a campaña “Xeración Láctea”, que está a percorrer 30 cidades repartidas por toda a xeografía española durante os dous próximos anos achegándolle ao público os beneficios dos produtos lácteos. Na xornada de hoxe participaron Javier Iglesias Fernández, representante da Inlac, e Rosaura Leis, coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago, IDIS, membro do CiberObn e membro do Comité Científico da Inlac, entre outros.

Os medios de comunicación puideron visitar o “autobús lácteo” da campaña no campus universitario da capital galega, que ofrece atención nutricional personalizada, recomendacións de actividade física e que realiza degustacións de produtos lácteos na zona de showcooking. Neste punto de información anímase, ademais, a consumir tres lácteos ao día. Tras a súa parada en Santiago, o bus lácteo seguirá o seu percorrido por territorio galego cara á Coruña e Lugo, antes de continuar cara a outras cidades do norte peninsular.

Tanto en nenos como en adultos e persoas de idade avanzada, recoméndase o consumo de tres lácteos ao día, unha cantidade que aumenta ata as catro racións no caso dos adolescentes e as embarazadas, lembraron desde Inlac durante a presentación.

Comunicado de prensa da Inlac