A Aula de Produtos Lácteos da USC gaña o Premio Galicia Alimentación 2020

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela foi galardoada este xoves na gala de entrega dos VI Premios Galicia Alimentación 2020, recoñecementos outorgados polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) a aquelas compañías, persoas e proxectos que destaquen pola súa traxectoria no ámbito da alimentación.

A APLTA foi unha das premiadas na última edición dos Premios Galicia Alimentación pola súa contribución á proxección do sector alimentario e bebidas desde a súa entrada en funcionamento hai preto de tres décadas.

A profesora da USC Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, e Ángel Carballeira, técnico da APLTA, foron os encargados de recoller este galardón no marco da cerimonia dos VI Premios Galicia Alimentación 2020, unha sesión celebrada esta mañá na Cidade da Cultura de Compostela.

E. L. Mosquera: “Este premio é un recoñemento á traxectoria e ó servizo formación, innovación e transferencia que a APLTA desenvolve neste eido en Galicia desde hai case 30 anos”.
 

Na súa intervención, López Mosquera expresou o seu agradecemento por un premio que axuda a consolidar o labor do centro como referencia na I+D+i especializada no sector alimentario ao recoñecer e valorar a “traxectoria e o servizo de formación, innovación e transferencia que a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC desenvolve neste eido en Galicia desde hai case 30 anos”.

Así mesmo, a adxunta á Vicerreitoría sinalou que a actividade desenvolvida por esta plataforma científico-tecnolóxica emprazada no campus lugués se fundamenta na existencia dun equipo humano multidisciplinar e altamente cualificado e na disposición dunha planta piloto, única na Península Ibérica e das máis modernas e completas de Europa, a cal, destacou, “está a disposición de toda a cadea de valor, desde pequenos produtores e artesáns ata industrias de maior tamaño”.

A entrega de premios estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao acto asistiron tamén os conselleiros de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; Medio Rural, José González, e a titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana.