A Escola de Industrias Lácteas de Zamora (Eilza) abre o prazo de inscrición para unha nova edición do seu curso de tomador de mostras de leite. A formación terá lugar o 22 de setembro de maneira presencial, cunha duración de sete horas que incluirá práctica en laboratorio. O horario será de 9:30 a 13:30 h e de 15:00 a 18:00 h.
Coa asistencia a este módulo preténdese que o alumnado sexa capaz de coñecer o marco lexislativo de referencia e as verificacións obrigatorias nas operacións de recollida e recepción do leite; coñecer a correcta recollida e toma de mostras de leite na explotación; transportar adecuadamente as mostras ata os centros de recollida, transformación e laboratorios; identificar o leite cru que non reúna as condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e realizar as analíticas imprescindibles para determinar a calidade do leite.
O curso está dirixido a persoas que desenvolven a súa actividade profesional no sector lácteo, xa sexan autónomas ou por conta allea, e a persoas que queiran emprender e iniciar a súa actividade profesional no sector.