EFA Fonteboa leva o seu proxecto “Vixia-Forestal” á final nacional de Gira Jóvenes de Coca-Cola

EFA Fonteboa leva o seu proxecto “Vixia-Forestal” á final nacional de Gira Jóvenes de Coca-Cola

O alumnado de 1.º do Ciclo Formativo de Grao Medio de Produción Agropecuaria do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, situado en Coristanco, participou na 14.ª edición de Gira Jóvenes de Coca-Cola e asistiu á gala final celebrada en Madrid.

Este programa, impulsado por Coca-Cola, leva 14 anos promovendo iniciativas dirixidas á mocidade co obxectivo de fomentar o emprendemento, a innovación e o compromiso social. A través de dinámicas e directrices proporcionadas pola organización, os participantes desenvolven proxectos aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), contribuíndo a mellorar a súa contorna e reforzando as súas habilidades persoais e profesionais.

Nesta iniciativa participan cada ano máis de 40 centros educativos de toda España, distribuídos por zonas xeográficas (norte, sur, leste e centro) e divididos en dúas categorías: rural e urbana. O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa compite na categoría rural. Tras unha fase inicial, os equipos clasificados acceden ás semifinais, que se celebran en modalidade en liña enfrontando centros de cada zona. Destas semifinais sae un único representante por zona e categoría. Nesta edición, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa logrou clasificarse como representante da zona norte na categoría rural, o que lle permitiu acceder á gala final.

Na fase final, un total de oito equipos (catro da categoría rural e catro da urbana) compiten por acadar a vitoria, resultando finalmente dous centros gañadores: un por cada categoría, un na categoría rural e outro na categoría urbana.

O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa presentou o seu proxecto Vixia-Forestal, centrado na prevención de incendios forestais mediante drons e tecnoloxía baseada en intelixencia artificial (IA). A proposta combina sistemas de IA con drons que traballan en rede para detectar posibles focos de incendio nun radio de ata 10 km².

O proxecto foi desenvolvido polo alumnado de primeiro de Produción Agropecuaria do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, e na gala final foron cinco estudantes quen o defenderon en representación de toda a clase: Lucía Gaute, Brais Grille, Nicolás Matos, Paula Suárez e Pablo Senande. O proxecto contou coa guía dos docentes Pablo Rodríguez e José Manuel Campos.

Aínda que nesta edición o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa non resultou gañador, a súa presenza na gala final supón un importante recoñecemento ao traballo realizado. Cómpre destacar que non é a primeira vez que o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa alcanza este nivel, xa que na 12.ª edición de Gira Jóvenes, celebrada en 2024, o centro proclamouse gañador na categoría rural co seu proxecto Beeda.