EFA Fonteboa ofrece un curso de alimentación de vacún de leite na súa ampla programación de primavera

EFA Fonteboa ofrece un curso de alimentación de vacún de leite na súa ampla programación de primavera

A Asociación EFA Fonteboa presentou o programa de formación para o segundo cuadrimestre de 2025, período no que varios estudantes da Escola se atopan en estadías profesionais en Francia, Irlanda e Italia. Así mesmo, a EFA acolle alumnado de Normandía, Borgoña e Pays de la Loire.

Entre as actividades planificadas en relación co vacún leiteiro, destaca o curso centrado na súa alimentación. Celebrarase o 14 e o 15 de maio, desde as 15:00 h ata as 20:00 h.

Nesta formación afondarase nos coñecementos sobre os nutrientes, os requirimentos nutricionais, a formulación das racións, o manexo do potencial produtivo dos pastos e o deseño de estratexias para optimizar os rendementos. Contarase coa colaboración das empresas 3F Technology, Progando e Kersia. Está dirixido a estudantes de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, aínda que tamén poden participar profesionais do sector.

O programa tamén inclúe a conmemoración do Día Mundial do Leite, arredor do 1 de xuño organizaranse diversas actividades divulgativas. O 29 de maio está previsto que se realicen no centro obradoiros sobre derivados lácteos, coa finalidade de poñer en valor o leite, divulgar os seus valores nutritivos e as súas posibilidades culinarias.

En colaboración con Limagrain Ibérica, establecerase a Área de Experimentación de Cultivos, nunha parcela anexa á EFA. Nunha superficie de media hectárea implementaranse cultivos de cereais e pratenses con finalidade didáctica: realizar labores de cultivo, seguimento vexetativo, incidencias fitopatolóxicas e avaliación de rendementos. Esta primavera comeza o proxecto cos cultivos de millo, trigo e cebada. No outono continuará con pratenses de forraxeiras de inverno.

Ademais, desenvolverase neste período o programa de formación práctica no apiario, un curso de motoserra, unha visita a The Navigator Company en Aveiro e unha xornada sobre a comercialización hortofrutícola.