A cuarta edición da Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes tivo lugar os días 27 e 28 de abril e puxo o foco nas investigacións en produción de leite do CIAM-Ligal e en produción de carne de vacún na zona de montaña. Os vídeos do encontro xa están disponibles na nosa sección de tv.
Na primeira xornada participaron relatores como Roberto Lorenzana (Ligal), César Resch (CIAM), Juan Valladares (CIAM) ou Dolores Báez (CIAM). Tratáronse temas como a produción láctea en Galicia como referente de leite de calidade, a rotación de cultivos forraxeiros ou as prácticas de mitigación de emisións de gases efecto invernadoiro relacionadas coa fertilización destes cultivos. O día rematou cunha mesa redonda moderada por Eloi Villada, presidente da SGPF, na que se debatiu sobre diferentes sistemas de produción e cunha visita aos ensaios do terreo do CIAM.
O segundo día estivo dedicado á produción de carne. O profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro explicou as bases dos sistemas de produción de carne e afondou na experiencia do Marco da Curra. Pola súa parte, o investigador Santiago Crecente presentou varios proxectos actuais nos que se está a traballar en relación co ámbito. Púxose fin ao encontro cunha visita á granxa SAT Margá.