‘Diagrint’, un novo grupo operativo para mellorar o rendemento dos cultivos con novos fertilizantes

‘Diagrint’, un novo grupo operativo para mellorar o rendemento dos cultivos con novos fertilizantes

Cinco comunidades autónomas (Galicia, Castela e León, Asturias, Navarra e País Vasco) participan nun grupo operativo que ten como obxectivo xeral a mellora do rendemento de cultivo de cereais (millo e trigo), pataca e pradaría mediante estratexias que favorezan a eficiencia no uso de novos fertilizantes, ademais de promover o emprego de ferramentas de diagnóstico intelixentes que reduzan custos e danos ambientais.

Coordinada por Soaga en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e Blue Agro Chemicals, a iniciativa, denominada ‘Diagrint’, pretende dar resposta a un cambio de paradigma propiciado polas esixencias lexislativas relacionadas cunha maior protección ao medio ambiente, a detección da perda de materia orgánica do chan, as axudas da PAC ou a visión do agricultor, que cada vez máis aposta por unha combinación de aforro en insumos fertilizantes, precisión na aplicación e un asesoramento profesional razoado.