Curso do Campus Terra da USC en xestión técnica e económica de explotacións leiteiras

O Campus Terra da USC achega formación ao sector gandeiro coa oferta dun curso gratuíto e de carácter semipresencial sobre xestión técnica e económica de explotacións leiteiras. Esta actividade, promovida pola USC xunto coa Deputación Provincial de Lugo ao abeiro da posta en marcha da Granxa do Campus Terra, unha explotación de vacún de leite con fins docentes e investigadores que botará a andar en breve en Castro de Rei, estrutúrase en dúas sesións presencias, que se desenvolverán os días 21 e 31 de agosto na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, ademais doutras 5 horas de formación en liña.

A inscrición no curso, que será impartido polo asesor agrogandeiro Xan Pouliquen e para o que se ofrecen 60 prazas, permanece aberta ata o mércores 19 no enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.es. A asignación de prazas será por orde de solicitude, ao tempo que tamén se valorará o feito de que as persoas solicitantes participaran na enquisa sobre o impacto da covid-19 realizada o pasado mes de maio. As persoas interesadas tamén poden obter máis información a través do número de teléfono 630 526 850.

A formación incluída no curso está dirixida principalmente a gandeiras e gandeiros de leite, aínda que tamén poden participar gandeiros doutros sectores. A primeira das súas sesións presenciais contempladas celebrarase o venres 21, en quenda de 15:00 a 17:30 horas, mentres que a segunda xornada programada na EPS de Enxeñaría de Lugo terá lugar o 31 de agosto, tamén en quenda de tarde, de 15:00 a 19:00 horas.

As instalacións universitarias nas que se desenvolvan as sesións presenciais deste curso contan cos medios necesarios para garantir as medidas sanitarias fronte á covid-19. Aínda así, as persoas inscritas deben acudir ás sesións provistos de máscara e DNI. Asemade, no caso de producirse algunha excepcionalidade relacionada coa pandemia que dificultara a convocatoria presencial, esta acción formativa desenvolveríase en liña na súa totalidade.